Vídeo participativo “Outras Coruñas”
ATENCIÓN! Cambio de datas para esta actividade, que se celebrará os SÁBADOS de NOVEMBRO (5, 12, 19, 26)
Un proceso audiovisual participativo ao servizo das novas narrativas audiovisuais para a cidade. Ao longo de 4 obradoiros intensivos de creación audiovisual, traballaremos nun mesmo proxecto colectivo desde a colaboración, o consenso e a expresión creativa.
¿A quen vai dirixida esta actividade?
1) Convocatoria PARTICIPANTES
A inscrición está aberta a calquera persoa interesada na temática, pero terá prioridade na asignación de prazas a comunidade educativa (alumnado e profesorado) de ensino medio e superior relacionada cos ámbitos creativos, tecnolóxicos ou socioculturais, así como o persoal de bibliotecas e entidades públicas ou privadas do eido sociocultural. O segundo criterio será a orde de inscrición.
O Vídeo Participativo (VP) é unha metodoloxía que busca implicar a un grupo ou comunidade no deseño e gravación dun proxecto audiovisual. A clave do VP está na horizontalidade á hora de construír o discurso, o que define os contidos e o punto de vista do resultado.
O VP parte dunha serie de actividades formativas que anfondan no reforzamento e visibilidade dos lazos dunha comunidade. A partir da formación en TIC e nas súas posibilidades, diferentes membros dun colectivo traballan en equipo para construír un mesmo produto audiovisual adecuado ás súas necesidades e intereses. O VP non consiste en realizar documentais, trátase de persoas que se coñecen, que teñen unha relación entre elas e que queren compartir as súas propias historias. Desta maneira, as persoas participantes convértense en axentes de comunicación que elaboran de forma autónoma os seus propios contidos e que poden crear redes de comunicación con outros colectivos e axentes sociais.
O foco do traballo con VP está no proceso marcado pola participación activa, o traballo en equipo e a motivación a través do diálogo, a reflexión conxunta, a colaboración. Trátase dun proceso que se materializa en un ou varios produtos audiovisuais, unha ferramenta para a divulgación de contidos creados e elaborados por un grupo de persoas cunha historia en común achegando visibilidade social ao colectivo, motivación para a participación activa e soporte para o diálogo.
Neste caso, o resultado final será un Web-Doc, un documental interactivo que se baséa na fragmentación do discurso en diferentes e na non liñalidade temporal, xa que é o usuario quen a define en función da súa interacción co web-doc. Ao usar este formato como produto final do proceso formativo, introducimos os itinerarios formativos realizados nun ámbito innovador e vangardista dentro das TIC e melloramos a visibilidade do resultado ao situalo na rede.
Como funciona un obradoiro de VP?:
- As/os participantes adquiren as competencias necesarias para o traballo con vídeo e a construción de historias dunha forma lúdica e práctica
- Os facilitadores guían o proceso e axudan a identificación e análise das temáticas identificadas e as posibles liñas narrativas.
- As/os partipantes gravan todos os materiais independentemente.
- As gravacións edítanse, revísanse de forma grupal, e compártense mantendo as/os participantes todas as decisións sobre os contidos
- Ábrese a posibilidade ao efecto multiplicador do proceso: cos coñecementos adquiridos posibilita futuras creación por parte das/os participantes
A actividade vai ser facilitada por María Lobo e Roi Guitián, que dende Gingko traballan no audiovisual e a comunicación como ferramenta para o cambio social e a participación.
María Lobo é xornalista e profesora. Ten experiencia como realizadora en televisión, publicidade e vídeos divulgativos para institucións públicas e privadas; tamén traballa como editora en documentais, reportaxes e programas de televisión. Ademais, colabora con diferentes asociacións, empresas e centros de ensino como docente de innovación educativa e novas metodoloxías didácticas a partir das TIC (colaboración, redes sociais, aprendizaxe en rede, vídeo educativo.
Roi Guitián é realizador audiovisual e docente. Ten experiencia como freelance na realización de documentais e series documentais para televisión. Así mesmo, coordinou varios talleres de vídeo participativo e colaborou con diferentes institucións públicas e privadas na docencia de cursos de creación audiovisual. Tamén traballa como formador de profesorado na integración das TIC e do audiovisual na aula.
2) Convocatoria HISTORIAS
En Coruña Dixital queremos potenciar a creatividade dixital e axudar á difusión dos novos formatos audiovisuais baseados en internet. Pero tamén cremos no potencial destas novas ferramentas para achegarse á nosa realidade máis próxima, ás preocupacións e intereses comúns, e en definitiva ás nosas propias historias.
Por esta razón, pedimos a colaboración da cidadanía e dos colectivos e asociacións da Coruña para que poidan remitirnos esas historias de vida, de movementos sociais ou de personaxes que todas no noso barrio coñecemos, pero que non teñen ou previsiblemente non terán oco nos libros de historia e nas hemerotecas. Esas historias das “Outras Coruñas” serán o punto de partida para que participantes dos obradoiros de creación audiovisual poidan desenvolver pezas que despois poidamos dispoñibilizar en aberto na rede.
Non dubides en escribirnos a ola@corunadixital.gal para aclarar calquera dúbida ou contarnos en que estás a pensar, aínda que sexa unha idea moi inicial.
Prazo de inscrición ampliado ata o 4 de novembro! (prazas limitadas)
- PARTICIPANTES nos obradoiros: Formulario de Inscrición
- Queres compartir unha posible HISTORIA das "Outras Coruñas": Escribídenos a ola@corunadixital.gal
Detalles
Data
Dende o 05/11/2016 ata o 26/11/2016 Os catro sábados de novembro (5, 12, 19 e 26) | 10:30h a 14h e 16 a 20.45h
Contacto
https://www.facebook.com/events/162706907511098/ ola@corunadixital.gal