Presentación pública do Kit de Activación Dixital

As ferramentas dixitais están ao alcance de todos. Podemos editar ou difundir contidos simplemente cun teléfono e acceder aos contidos que outras persoas elaboraron desde dispositivos variados e accesibles. Neste contexto, xorden iniciativas que empregan a creación audiovisual e a comunicación dixital como ferramentas para a transmisión de coñecementos, ideas e valores. Estas iniciativas adoitan chegar dun xeito moi efectivo ao colectivo da xente moza, pero resultan tamén moi útiles en proxectos de carácter interxeracional e nos eidos educativo e sociocultural.

Todo semellan ser vantaxes, pero o certo é que moitos profesionais e activistas ven complexo desenvolver iniciativas con estas ferramentas. A razón é que cren que será moi difícil, que carecen dos coñecementos necesarios ou que non terán a capacidade económica de levar a cabo o proxecto.

O KIT DE ACTIVACIÓN DIXITAL nace coa vontade de achegarlles a todas esas persoas (docentes, traballador@s de bibliotecas, centros culturais, servizos sociais, activistas,...) as ferramentas necesarias para gañar coñecementos, superar as eivas e aprender a desenvolver ese proxecto educativo, divulgativo, cultural ou social que sempre quixeron facer. Co exemplo de varios proxectos referentes e unha metodoloxía para aplicar.

O próximo sábado 3 de febreiro (11:00) por unha banda Sergio Lago, coordinador de Coruña Dixital e desta iniciativa, e por outra Roi Guitián e María Lobo (Gingko) e Cristina de la Torre (La Mujer Forzuda), que son a persoas responsables do desenvolvemento dos contidos do proxecto, presentarán o KIT e farán unha pequena "visita guiada" para os asistentes, que, unha vez coñecido o KIT poderán coñecer tamén, a través de pequenas presentacións, unha selección de iniciativas galegas inspiradoras nos eidos da educación, a mocidade e as iniciativas veciñais e interxeracionais.

Con toda esta información, os asistentes poderán participar a continuación (12:30) nunha conversa aberta coas iniciativas convidadas (OlloboiVideodinamizarte, Gingko, Cristina de la Torre ou Airoá) para falar de dúbidas, retos e posibilidades.

A actividade é gratuíta pero o aforo é limitado, polo que é preciso inscribirse previamente aquí.

Detalles

Data

Dende o 03/02/2018 ata o 03/02/2018 De 11:00 a 13:30

Contacto

https://www.facebook.com/pg/corunadixital/events/ ola@corunadixital.gal

Lugar

Quiosco Alfonso

Xardíns de Méndez Núñez, 3, baixo
15006 A Coruña A Coruña