O pasado 27 de xaneiro púxose en marcha Distopías Cotiás: un espazo de reflexión colectiva no que abordar o impacto das tecnoloxías nas nosas vidas. Esa clase de cuestións que hai poucos anos identificabamos case co ámbito da ciencia ficción e que hoxe forman parte xa da nosa vida cotiá.
Cada cita, que acolle a biblioteca do centro Ágora grazas á colaboración das Bibliotecas Municipais, é de entrada libre. O formato habitual será o dunha pequena charla inicial sobre un tema concreto e, a continuación, un tempo amplo para o diálogo e o contraste de ideas.
Distopías Cotiás comezou cun debate sobre ética, privacidade e tecnoloxía, que se desenvolveu trala pequena charla ofrecida por Pablo Castro (Trackula), desenvolvedor frontend e co-fundador de Arengu, ademais dun activista destacado pola liberdade en Internet e o software libre. Pablo é ademais unha das cabezas visibles do colectivo GPUL e co-organizador de AtlanticaConf.
Se non puideches vir -ou se o fixeches pero queres lembrala- aquí tes a súa intervención:
Pablo, que tamén participou no debate, tivo a amabilidade de compartir con nós a presentación da súa charla. Tédela AQUÍ ao voso dispor.
No primeiro semestre de 2020 están previstas xa as seguintes datas, sempre ás 19h no espazo de conversa da Biblioteca Ágora:
- luns 17 de febreiro
- luns 16 de marzo
- luns 20 de abril
- luns 18 de maio
Terás información puntual destas citas na nosa axenda ou subscribíndote aquí ao meetup da iniciativa. Se queres propoñer unha charla, tamén podes: só tes que escribir a ola@distopiascotias.gal ?