A terceira edición de Youtubeir@s terá na Coruña o escenario de dúas importantes propostas que se desenvolverán no mes de xuño: por unha banda, a Xornada para Youtubeir@s e, pola outra, Lista de Reprodución ao Vivo. Ambas actividades constitúen Youtubeir@s en conexión, unha das novas liñas de traballo desta edición do proxecto.

A Xornada para Youtubeir@s consistirá nun encontro de toda a comunidade youtubeir@ galega para reflexionar sobre o panorama creativo a distintos niveis, como son o lingüístico, o temático e o da creación de públicos. Esta gran posta en común, na que colaborará parte do equipo de Coruña Dixital, ten como obxectivo non só unha reflexión colectiva, senón que tamén quere ser un punto de encontro para a conexión e para tecer rede, fortalecendo a comunidade de persoas creadoras.

En canto á Lista de Reprodución ao Vivo, consistirá nun encontro, pero neste caso das persoas youtubeiras co público, que as poderán ir “cambiando” dunha a outra, igual que se fai na Rede, pero neste caso en contacto directo e sen dispositivos electrónicos.

 

Os Premios Youtubeir@s

Youtubeir@s é un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos, entre eles o Concello da Coruña, así como polas tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, co obxectivo de impulsar a creación e difusión de contidos en galego en YouTube.

Para participar nos Premios  que se convocan en cada edición hai que ter máis de 14 anos (no caso dos menores, coa correspondente autorización) e transmitir un coñecemento ou opinar sobre algún tema a través de vídeos que teñen que ser autoproducidos e subidos a YouTube. A inscrición no certame abriuse o pasado 13 de febreiro e pecharase o vindeiro 27 de setembro, é gratuíta e está aberta á participación internacional.

Ademais, YouTubeir@s contempla unha serie de accións formativas dirixidas á comunidade educativa de secundaria mediante cursos e obradoiros desenvolvidos pola produtora Illa Bufarda. Na liña da formación, a propia web do proxecto ofrece unha serie de consellos relacionados con cuestións lingüísticas, técnicas ou de contidos interesantes, non só para as persoas participantes, ás que podedes acceder desde aquí.

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar