Celebramos o Día Mundial do Patrimonio Audiovisual cun encontro para explorar boas prácticas e ferramentas que permitan “abrir” máis á sociedade os nosos arquivos audiovisuais institucionais e comunitarios. Compartiranse experiencias de institucións da memoria tanto internacionais como galegas que están a preservar, pero tamén a poñer en común e en dixital, o seu patrimonio cultural.

A actividade organizouse en colaboración co grupo informal de traballo “Abrir os Arquivos” (abrirosarquivos.tumblr.com), o cal nace en Galicia precisamente arredor da preocupación pola preservación, accesibilidade e utilización de contidos dixitais culturais, pensando especialmente nos arquivos visuais, sonoros e audiovisuais.

mbrinkerik-0454Como convidado especial desta xornada contamos con Maarten Brinkerink.

Como experto en Participación Pública e Acceso Innovador no departamento de Coñecemento e Innovación do Neederlands Institute for Sound and Vision, Maarten coordina as achegas do instituto a proxectos de investigación (inter)nacionais. Realiza as súas contribucións na sección de planificación estratéxica de Sound and Vision, reforzando as aportacións no eido de patrimonio en iniciativas como Open Cultuur Data e a Netwerk Digitaal Erfgoed.

Maarten Brinkerink gradouse no máster en Novos Medios e Cultura Dixital da Universidade de Utrecht en 2007. Seis meses despois, converteuse en coordinador do proxecto Open Images, desenvolvido polo departamento de I+D de Sound and Vision. Inicialmente, o seu enfoque era o acceso libre como modelo de distribución para o patrimonio dixital. Cos anos, especializouse en copyright, crowdsourcing e a reutilización do patrimonio dixital; tamén no ámbito da accesibilidade, co seu traballo para o proxecto de dixitalización masiva Images for the Future e en proxectos internacionais de investigación.

Algúns dos proxectos nos que ten participado:

  • Europeana Sounds – coordinador de equipo (WP2 Mellora e Participación)
  • Open Cultuur Data – coordinador de proxecto por parte de Sound and Vision
  • Netwerk Digitaal Erfgoed – coordinador de programas en Sound and Vision
  • Europeana DSI – coordinador en Sound and Vision
  • COGITCH – coordinador en Sound and Vision
  • OBSERVE – coordinador en Sound and Vision
  • As publicacións de Maarten Brinkerink están dispoñibles en publications.beeldengeluid.nl

.

Tamén puidemos achegarnos a unha panorámica diversa de iniciativas galegas vinculadas cos arquivos audiovisuais e que teñen en común a súa orixe non institucional, ben sexa comunitaria, empresarial ou artística:

  • Carme Suarez presentou Fálame de San Sadurniño, unha das iniciativas comunitarias pioneiras en Galicia.
  • Beli Martínez mostrounos a experiencia co patrimonio audiovisual da Guarda e o Baixo Miño de Proxecto Socheo
  • Dani Cerqueiro falounos da iniciativa empresarial Phottic
  • Pilar Rodríguez compartiu a experiencia de LuarTUBE, o portal de vídeos do lonxevo programa da TVG.
  • Xana García representou á compañía de artes escénicas Chévere, que dixitaliza e comparte o seu arquivo a través do portal RedeNasa.tv
  • Marcos Nine tróuxonos a súa obra A Viaxe de Leslie, un collage audiovisual realizado grazas ao uso de imaxes de arquivo.

.Xa na tarde, Maarten Brinkerink impartiu un obradoiro práctico sobre como converter as nosas coleccións audiovisuais en “open media archives”.

Entre as persoas que asistiron contamos con profesionais de bibliotecas, arquivos, museos e documentación, aínda que tamén estudantes e axentes do audiovisual, da xestión cultural ou da comunicación audiovisual.

.

Compartimos neste enlace un amplo álbum fotográfico da xornada:
Entradas recomendadas

Empece a escribir e pulse Enter para buscar