O colectivo audiovisual VideoLume convoca para o sábado 23 de setembro o laboratorio de comunicación LabComSeasons, dirixido a todas aquelas persoas maiores de idade con interese no periodismo dixital, os festivais, a música, a fotografía e o vídeo, e con ganas de vivir a experiencia de crear contidos para o Sea Sons Festival, que se celebrará do 6 ao 8 de outubro na Coruña. Na campaña previa, e durante os días do evento, as persoas que se sumen á iniciativa participarán en blogs, gravacións de showcases, crónicas e reportaxes gráficas, ademais de todas as ideas que poidan xurdir. O laboratorio de comunicación LabComSeasons presentarase o próximo 23 de setembro no centro cívico Cidade Vella, de 11h a 14h, e as gravacións, montaxes e publicación en redes desenvolveranse do 25 de setembro ao 8 de outubro. A actividade é gratuita. As persoas ás que lles interese deben enviar unha breve presentación, contando cales son os seus intereses, ideas a experiencia ao mail labcomseasons@gmail.com.
Por outra banda, sabemos xa algunhas das novidades deste ano no Sea Sons Festival, que mantén a súa aposta polas bandas locais, os novos artistas e as novas propostas escénicas, coa incorporación da música electrónica e de proxectos musicais  de mestura cultural como o de Mounqup. Hai xa varios artistas confirmados, como é o caso de Bolboreta, Jules & The Wolf ou Proyecto Moucho, entre outros. O festival celebrarase na fundación Luis Seoane e en Maestranza, como non podía ser doutro xeito, con vistas ao mar.
Entradas recentes