Con todas as prazas esgotadas e moitas ganas de aprender sobre a plataforma de vídeo máis famosa arrincou o pasado xoves o seminario “Como profesionalizar a túa canle de Youtube”, no que interviron Patricia González e Teresa Guerra, directora de marketing e talent manager, respectivamente, da Multichannel Network 2btube, unha das axencias de representación de talento en Youtube máis importantes do mundo hispano. Xunto con elas participou o youtuber galego Sebas G. Mouret, que é un dos talentos representados por 2btube e que, co seu canal “El coleccionista de mundos” e máis de 225.000 suscritores, é un dos booktubers de máis éxito no ámbito español.

Na súa excelente presentación Patricia González explicou que Youtube é xa moito máis que unha plataforma para subir vídeo, é todo un medio de comunicación máis que está a competir pola atención das audiencias e, por tanto, dos anunciantes, e que está a xerar xa un importante volume de negocio publicitario. As creadoras e creadores en Youtube poden monetizar de tres formas: coa publicidade  de AdSense a partir dos 10.000 suscritores, realizando accións promocionais nos vídeos con marcas, ou con accións promocionais fóra de Youtube (eventos, merchandising, etc). Así, unha persoa que consiga moitas suscricións na súa canle pode empezar a formular esta actividade creativa sacándolle partido económico.

Para isto, deu algúns consellos a quen queira crear unha canle, antes de empezar. Primeiro, debemos aprender todo o posible sobre a plataforma. Para isto hai moitos recursos en internet, empezando pola Academia de creadores de contenido en Youtube. O seguinte é desenvolver unha idea acorde á nosa paixón ou habilidade, ter claro de que queremos falar e analizar o contido que xa existe en Youtube sobre ese tema. A partir de aí, antes de empezar deberiamos establecer obxectivos que sexan realistas, para facer unha planificación coa que organizar o noso traballo de cara a conseguilos.

Cando nos poñamos teremos que ir seguindo unhas pautas que nos axuden a optimizar ao máximo o impacto da nosa canle. Sobre estas pautas e falou Teresa Guerra, talent manager de 2btube, afeita a traballar directamente cos creadores axudándolles a manter e facer medrar o seu canal. Hai varios aspectos técnicos que convén ter en conta, desde os elementos que presentan o canal e os vídeos (cabeceira, avatar, miniaturas, títulos e descricións) ata as ferramentas de posicionamento e SEO que melloran a visibilidade, ou as estatísticas e métricas que cómpre analizar para coñecer mellor como se comporta a audiencia e que contidos funcionan mellor.

Á hora de publicar contido de forma periódica é importante que os vídeos sexan accesibles e que funcionen de xeito independente, aínda que formen parte dun mesmo canal. Pero tamén convén que sexamos consistentes e coherentes, que manteñamos unha liña, estética ou de contido, que lle dea identidade ao que facemos. En canto á planificación, hai distintos timpos de contidos que deberiamos combinar ao longo dun período, como os contidos hero (cousas que están en tendencia e actualidade e serven para atraer novos fans), os contidos hub (os videos característicos noso canal, aqueles polos que a xente nos segue) e os contidos help (aqueles vídeos que serven para interactuar cos seguidores, contestar preguntas, etc).

Sigue a túa paixón no teu canal e mantente feliz facéndoo

Ademais de todo isto, tanto as representantes de 2btube como Sebas G. Mouret insistiron en que o fundamental é ter unha voz e estilo propios, e seguir a nosa paixón. «Se nós non o pasamos ben facendo os vídeos, o público vaino notar. É importante que nos divirta e nos apaixone o tema do que falamos, e que nos sintamos cómodos co medio». E tamén ter estilo propio. Para iso recomendan ver outros youtubers, identificar que estilos nos gustan e cales non, cales nos inspiran, aprender de quen o fai ben e a partir de aí atopar a nosa propia voz.

Ese foi o principal consello que deu Sebas G. Mouret despois de compartir cos asistentes a súa experiencia montando o seu canal de Youtube “El coleccionista de mundos”, alá por 2012, e tamén o seu canal persoal, que ten máis de 100.000 seguidores. Mouret contou como o canal salvou a súa paixón lectora «xusto na idade na que moita xente deixa de ler», e que poder compartir o amor pola lectura con outra xente fóra do seu contorno máis cercano a través de internet foi un aliciente imprescindible para poder seguir lendo e falando de libros. Sebas, que se criou en Lugo e agora, con 21 anos, estuda Periodismo en Madrid, seduciu a todas as persoas participantes no taller coa súa elocuencia e animou os presentes a seguir a súa paixón e sacar adiante un canal de Youtube «só se realmente o disfrutades e estades cómodos co medio. Non todo o mundo ten que estar en Youtube, hai moitos medios de expresión na rede e cada persoa ten que atopar cal é aquel no que mellor se manexa.

Desde logo eran moitas as persoas presentes que xa tiñan un canal ou dubidaban se facer un, e as preguntas para os ponentes foron moi numerosas. Houbo quen tivo ocasión de facer consultas sobre o seu canal, e mesmo había pais que querían aprender para poder axudarlle mellor aos seus fillos Youtuber. Unha tarde de moito proveito e moita inspiración, da que agardamos que saian novos contidos e canais creados na nosa cidade.

Entradas recomendadas