O pasado xoves o público do #LAIC tivo ocasión de asistir á charla que deron os avogados especialistas en asuntos dixitais Bárbara Román e José Manuel Sendín, de NoLegalTech. En concreto a actividade estaba centrada o uso de Youtube, pechando así unha triloxía sobre a publicación de vídeos na rede que comezamos o 5 de outubro con Jorge Lama explicando Como publicar contidos con licenzas libres e continuou o 19 con Como profesionalizar a tuá canle de Youtube.

Nesta ocasión a charla titulábase Aventuras dunha youtuber legal e nela os avogados explicaron, cunha linguaxe moi clara e amena, as claves principais que debemos ter en conta antes de publicar contidos nesta plataforma. Tanto aquelas que teñen que ver en xeral cos límites legais da libertade de expresión segundo a lei española, como as específicas que veneñen nos termos e condición de uso de Youtube: eses textos longuísimos e de letra pequena que case ninguén le, polo que moi pouca xente é consciente das implicacións de subir vídeos a esta plafaforma.

A principal que pouca xente sabe: todo o contido que subimos a Youtube pasa a ser propiedade de Youtube, para sempre. Cando accedemos a publicar contido baixo estes termos de publicación, estamos concedendo dúas licenzas de uso dos nosos vídeos, unha para Youtube e outra para o usuario final. Se ben para este usuario final podemos elixir de que xeito limitar máis ou menos o uso do vídeo, no caso de Youtube non, estamos cedendo o dereito sobre os vídeos a perpetuidade.

Non é o único que lle cedemos a Youtube case sen decatarnos. No momento en que nos rexistramos como usuarios estamos cedendo tamén todos os datos que xeramos en relación coa plataforma, dende os datos persoais que metemos no rexistro (xénero, idade, onde vivimos…) ata os datos froito da nosa navegación e consumo de vídeos. Youtube sabe que vemos, cando o vemos, cales son os nosos contidos favoritos, etc e estes datos véndellelos a anunciantes porque ese é o seu negocio, a publicidade. Nós somos o produto que eles venden. Youtube, xa sabemos, pertence a Google, que aínda ten moitos máis datos nosos, e aceptamos cedelos en canto lle damos a OK no rexistro.

Que podemos e que non podemos publicar en Youtube?

Antes de responder a esta cuestión, está o asunto da idade. Só a partir de 14 anos se pode ter unha canle en Youtube. Logo hai varias cuestións a ter en conta. Primeiro, os dereitos de autor. Só debemos subir vídeos que sexan da nosa autoría, e non podemos usar imaxes ou audios con copyright. Isto Youtube xa o detecta facilmente, e cando alguén sube algo que teña música con dereitos de autor, o vídeo automaticamente é rexeitado pola plataforma. Mesmo se conseguimos esquivar este detector automático de contidos protexidos, se mantemos un vídeo na nosa canle con material que non é noso, podemos ser denunciados polo seu autor. De todos xeitos, segundo a lexislación de cada país, hai certas excepcións ao copyright que podemos argumentar, como o dereito de cita ou de parodia, no caso da lei de propiedade intelectual española.

En canto ás normas da comunidade que establece o propio Youtube, convén saber que non se permite contido violento, que incite ao odio ou contido sexual explícito, se ben a interpretación destas normas pode variar segundo as circunstancias, e se nos rexeitan un vídeo por algún destes motivos e non é así, podemos argumentalo para que nolo permitan publicar. É importante ter claro que as normas da comunidade son regras que pon Youtube ao seu criterio, como plataforma privada que é, e son diferentes á lexislación de cada país, aínda que tratan de ser compatibles.

En xeral, guiarse polo sentido común é o mellor que podemos facer antes de subir contido, pero non vén mal botarlle un ollo ás normas da comunidade ou informarse dos problemas máis frecuentes.

Finalmente os avogados falaron tamén dos aspectos económicos e contractuais que debemos ter en conta se empezamos a xerar ingresos cos nosos vídeos ou o noso canal. Especialmente no que se refire ás multichannel networks ou a outros intermediarios que poidan xurdir interesados en sacarlle partido á nosa audiencia. A recomendación xeral é que falemos cun avogado antes de asinar calquera tipo de contrato con algún destes intermediarios, para protexernos de posibles condicións abusivas, no que respecta á porcentaxe que lles cedemos, ou á propiedade dos vídeos que se producen no marco deste contrato.

En definitiva, foron dúas horas moi proveitosas que deron para moito e nas que os participantes tiñan moitas preguntas. Poderiamos botar unhas cantas horas máis resolvéndoas, ou mesmo falando de cuestións similares que poden afectar a outras plataformas como Instagram, cada vez máis popular. Pero iso poderá ser obxecto doutra charla no futuro. Hai moito que investigar e que coñecer nun mundo cada vez máis complexo e gobernado por empresas privadas que están a dispoñer do noso contido e dos nosos datos como máis lles convén, que non é sempre como máis nos convén a nós como cidadáns.

Entradas recomendadas

Empece a escribir e pulse Enter para buscar