O sábado 21 de outubro contamos no LAIC coa presenza do cineasta Miguel Ángel Rolland para compartir connosco a xornada “Supercine: taller de cinema crowd”. Unha sesión intensa e enriquecedora na que os asistentes puideron aprender os segredos e vantaxes do crowdfunding á hora de poñer en marcha un proxecto audiovisual baseado no apoipo da comunidade.

O taller realizouse durante todo o día no Centro Cívico da Cidade Vella. Entre as persoas participantes había realizadores audiovisuais, profesionais do guión e da interpretación, creadoras freelance e mesmo algunha persoa procedente de colectivos sociais con proxecto de facer un documental.

Na primeira parte da sesión varias dinámicas introduciron o grupo na filosofía crowd e nos distintos motivos que nos poden levar a usar esta ferramenta para un proxecto audiovisual, traducidos en distintas maneiras nas que as comunidades nos poden achegar apoio para levar a cabo un proxecto. Este apoio non consiste só en diñeiro, e este foi un aspecto no que incidiu moito Rolland: a crowd é o noso futuro público, a xente interesada non só en ver o filme se non en ser embaixadora del e contribuír da maneira que poida e que se lle solicite en cada momento. Cooperar, compartir, colaborar, cocrear, confianciar: estas cinco COs son as maneiras nas que podemos involucrar as nosas comunidades nos procesos do noso proxecto.

A sesión da tarde foi máis práctica e nela Miguel Ángel Rolland deu as claves para deseñar e executar unha campaña de crowdfunding para un filme, un proceso que ten que comezar como mínimo seis meses ou mesmo un ano antes do lanzamento oficial da campaña, coa construción da comunidade. Para isto temos que aplicarnos e ser o máis ‘sociais’ en internet que poidamos, para ir construíndo desde as famosas 3 efes (Friens, Family & Fools) ata os grupos de interese que poden estar relacionados co tema da nosa película. Algo que teremos que investigar, facendo a nosa base de datos de xente potencialmente disposta a colaborar, e iniciando os contactos con ela, cociñando as relacións a lume lento para que respondan cando se lles pida axuda.

A partir de aí, convén usar todos os mecanismos de comunicación ao noso alcance, online e offline, montar un equipo de traballo, elixir plataforma de crowdfunding e planificar a precampaña e a campaña para chegar á nosa meta e poder cantar victoria. A meta debe ser realista e non moi alta para poder vender unha historia de éxito asociada á nosa película, que acompañará os procesos posteriores de distribución e de chegada ao público. E aí constataremos que no crowdfunding o máis importante no é o funding, senón a crowd, que tamén podemos usar para exhibir o filme en salas baixo demanda nalgunha plataforma de crowdticketing, e que nos axudará a compartir nas redes o éxito e o itinerario da súa difusión

Rolland foi contando todas estas claves a partir do caso de éxito do seu documental “Santa Fiesta”, que contou desde o primeiro con comunidades animalistas a nivel interncional, e fixo a súa campaña de crowdfunding na plataforma IndieGoGo. A película, estreada en maio de 2016, aínda se exhibe por moitas cidades grazas á demanda e ao apoio da súa crowd.

Na última parte da sesión os participantes tiveron a ocasión de expoñer os seus proxectos e recibir o asesoramento directo de Rolland sobre o tipo de meta e de campaña que poderían levar a cabo con este sistema de financiamento, deixando claro que non todos os proxectos teñen por que ser crowd nin todos teñen ese potencial. Pero cando o teñen, malia o grande esforzo que implica unha campaña deste tipo, as vantaxes son enormes, e non só desde o punto de vista material.

Entradas recomendadas