O artista e tecnólogo Xosé Quiroga é un dos impulsores de Voize, un proxecto internacional que se atopa en plena campaña de crowdfunding para chegar a máis países coa súa recolleita de experiencias de persoas que pasaron algún tempo da súa vida na cadea.

 

Todos sabemos que son as cárceres, pero para a meirande parte das persoas, a realidade que ocorre dentro delas é algo que lles pasa a outros. Parte deses “outros” traspasan con frecuencia os muros da cadea para visitar a un ser querido. A outra parte son, precisamente, eses “seres queridos” que, por distintas razóns, viven dentro. É posible que case ninguén de fóra se pregunte que pensan ou que sinten os de dentro, que detalles, imaxes e sensacións arquivan nas súas memorias ou que imaxinan as súas cabezas; ese pensamento, se nalgún momento existe, dilúese no razoamento de que, quen está alí dentro, está por algo. E, por tanto, non hai máis que pensar. Ou si. O Proxecto Voizes traspasa xustamente eses muros, o da indiferenza e o de formigón, e faino coas voces dos de dentro a través dunha serie de entrevistas.

O Arquivo Voizes é un rexistro internacional de vivencias, lembranzas e reflexións  de distintas persoas ao redor de cuestións tan concretas como o seu arresto, a súa entrada en prisión, o día a día e as relacións humanas dentro da cadea…. Escoitalas é un exercicio de empatía co próximo e de desmitificación do que é bo ou malo, pero tamén de aproximación á estrutura dun sistema, o penitenciario, ao que a sociedade vive de costas. Aquí son os propios entrevistados quen reflexionan sobre a necesidade ou non de cárceres, e as posibles alternativas á súa existencia, e quen narran como cambios sociais, como as políticas de igualdade, tiveron que facerse un oco dentro duns muros que, segundo quen os habitou, tenden a abrirse moi despacio ao que muda fóra.

Con todo este material audiovisual, e humano, o proxecto desenvolve as súas funcións. Por un lado, servir de documento histórico, e, por outro, ser ferramenta educativa e de investigación, como alicerce de debates académicos, así como xerar contidos para proxectos xornalísticos, documentais ou académicos. Sen perder de vista o carácter solidario e de apoio do Arquivo Voizes, que forma parte, como eles mesmos explican, “dunha rede solidaria de individuos e colectivos que desafían o complexo industrial de prisións internacionais”.

 

A pegada galega dun proxecto que quere medrar

O Archivo Voize ten carácter internacional, pero nel hai presenza galega. Por un lado, por parte dos entrevistados, e por outro, por parte do equipo de voluntarios que desenvolve o proxecto. Xunto a Giada Bertonelli e Wil Sans está o galego Xosé Quiroga, que o ano pasado participou activamente no Ateneo Atlántico de Prototipado de Coruña Dixital e no blog do Ateneo. El, xunto cos seus compañeiros, traballa neste proxecto que comezou a súa andaina no 2014 e a concluirá a súa terceira etapa no 2020. Actualmente, atópase na segunda, de implementación da función de documento histórico do archivo e de investigación e desenvolvemento da ferramenta educativa e de investigación.

VoizesArchive consta a día de hoxe de dezasete entrevistas en vídeo de tres países (Estados Unidos, España e Puerto Rico) pero a intención é producir trinta entrevistas en dez países máis: Reino Unido, Francia, Alemania, Italia, Bosnia Herzegovina, Grecia, Perú e México. O colectivo prevé traballar tamén en Chile, Exipto e Palestina, colaborando con xornalistas, documentalistas e activistas locais. Para iso, o proxecto precisa fondos (10.000 dólares é o orzamento total) que se recaudan a través dunha campaña de crowdfunding que comezou no mes de agosto e que rematará o próximo 4 de novembro. O obxectivo final: visibilizar á poboación reclusa e ter datos para poder afondar na realidade internacional do sistema penitenciario.

 

 

 

 

 

Entradas recentes