O programa de actividades para o último trimestre do ano busca complementar a oferta existente na cidade, achegando novas visións e desenvolvendo procesos con vocación transformadora. Promovido dende a área de Culturas e Coñecemento do Concello da Coruña, abriremos tamén canles de comunicación institucional cos colectivos xa organizados e desenvolveremos accións que permitan á comunidade dixital atoparse e conectar.

.

13 de setembro: Encontro Coruña Dixital | Coñecemento e creatividade dixital en man común

Celebraremos na cidade o primeiro encontro en Galicia (con apoio institucional) de axentes e colectivos que están a traballar arredor das novas prácticas e a cultura dixital, con especial énfase en proxectos con enfoque social e transformador.

Cunha vocación divulgadora, esta primeira actividade permitiranos mostrar unha panorámica de experiencias sobre este eido, seleccionando especialmente aquelas liñas de traballo colectivas e implicadas coa súa realidade social máis próxima.

Consulta toda a información e inscríbete xa na nosa axenda.

.

ACTIVIDADES OUT/NOV | Creatividade dixital e novas narrativas audiovisuais


PROCESO: Vídeo participativo “Outras Coruñas” (22 e 29 outubro / 19 e 26 novembro)

Un proceso audiovisual participativo ao servizo das novas narrativas audiovisuais para a cidade. A partir de varios obradoiros de creación audiovisual, o grupo traballará nun mesmo proxecto colectivo desde a colaboración, o consenso e a expresión creativa. O resultado final será un webdoc colectivo.

EVENTO intensivo: Popathon (11 e 12 novembro)
Hackathon de novas narrativas audiovisuais. Experiencia que reúne a deseñadores, programadores, cineastas, artistas e outros perfís enfocados nas novas posibilidades narrativas de Internet.

+ 2 obradoiros:
1) Charla e obradoiro sobre realidade virtual en 360º, unha das tecnoloxías actuais de referencia.
2) Encontro e obradoiro sobre as oportunidades e ferramentas para “abrir” os repositorios audiovisuais institucionais e comunitarios. Búscase poñer en valor o patrimonio cultural material e inmaterial.

.

ACTIVIDADES OUT/NOV | Innovación social, tecnoloxías e novas prácticas dixitais

EVENTO intensivo: Hackathon Coruña Dixital (15 e 16 outubro)
Experiencia que reúne esencialmente a programadores, pero aberto a outros perfiles, nos que se experimenta con prototipos de aplicacións informáticas.

PROCESO: Ateneo Atlántico de Prototipado (7 a 20 novembro)
Laboratorio intensivo aberto no que persoas creadoras, investigadoras e artivistas xúntanse nun clima de cooperación e troca aberta, para compartir coñecementos (educación expandida) e desenvolver proxectos transdisciplinares (prototipado e produción) utilizando tecnoloxías e licencias libres.

+ obradoiro (29 outubro): Ferramentas dixitais para o traballo colaborativo en rede, dirixido a axentes dinamizadores e colectivos sociais ou culturais.

.

Desvelaremos toda a información e abriremos o prazo de inscrición
a partir da última semana de xullo.

Entradas recomendadas