O vindeiro mes de novembro abrirá por oitava vez as súas portas a OSHWDem, ou Feira das Tecnoloxías Abertas. Organizada pola asociación Bricolabs, e camiño de convertirse nunha tradición do outono na cidade, a feira é a cita fundamental do movemento maker, que constitúe o seu orincipal alicerce.

O ano pasado, máis dun centro de creador@s presentaron nela os seus proxectos baseados en tecnoloxías libres, explicándollelos ao público dunha maneira próxima e amena.  As persoas que asistiron á feira -de distintos niveis de coñecemento tecnolóxico, desde público familiar a profesionais- puideron daquela participar nunha ducia de obradoiros e asistir a competicións nas que participaron máis de 40 robots chegados de diferentes lugares de España.

OSHWDem 2019 celebrarase o sábado 9 de novembro, na Domus e con entrada gratuíta e libre, coa colaboración de varias empresas e entidades, entre elas o Concello da Coruña, a través de Museos Científicos, e Coruña Dixital.

O que xa sabemos da cita deste ano é que non faltarán de novo as competicións tecnolóxicas que tanto gustan a participantes e público de todas as idades. Haberá Segueliñas, Sumo, Labirinto, Hebocon e, como non!, o xa tradicional combate de robots.

Tedes toda a información na web da feira, á que podedes acceder desde aquí. Nela atoparedes a posibilidade de subscribirvos ao seu boletín para ter información de primeira man da súa oitava edición.

 

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar