Coruña Hacks botou a andar o pasado 3 de marzo no centro Ágora cun primeiro equipo de vinte participantes dispostos a traballar, a través desta iniciativa promovida por GPULCoruña DevelopersÁrticos e GDG Coruña, en proxectos de aplicacións baseadas no software libre.

Nas semanas previas, a organización de Coruña Hacks estivo a recoller propostas sobre posibles liñas de traballo a través da súa web, coas que despois elaborou unha lista de 25 posibles proxectos entre os que, xa presencialmente, os participantes escolleron. Tralas votacións, a lista inicial quedou reducida a estas propostas concretas, que serán sobre as que se traballará nas vindeiras xornadas:

  • Ferramenta agregadora para refuxios de animais. Esta proposta recolle o testemuño de OpenPet, a iniciativa que gañou o Hackatiño de Datos Abertos do ano pasado, e consiste nunha plataforma para centralizar datos de distintas protectoras de animais e habilitar un espazo para poder buscar mascotas en adopción.
  • Mapeado de iniciativas TIC galegas. Para coñecer empresas do entorno extraendo datos de múltiples fontes, como, por exemplo, as redes sociais.
  • Solucións libres para nubes privadas. Un dispositivo que, conectado ao router, configure a nube do usuario (blog, contactos, calendario, almacenamento, …) dun xeito sinxelo e efectivo.

 

Este é o punto de partida para comezar a traballar. Se vos apetece, podedes incorporarvos á comunidade a través das canles das que dispón: o meetup, no que inscribirse para vindeiras xornadas, e o slack. No que respecta a este último, as persoas que vos incorporedes nel veredes que hai unha canle específica para cada proxecto: #openpet, #openet e #cacharro-libre, e unha cuarta, #propostas-proxectos, que serve para seguir propoñendo ideas. Ademais, podedes atopar o repositorio de código aberto dos proxectos, cunha descrición detallada e algunhas suxestións para contribucións, en GitLab.

Coruña Hacks, que conta co apoio do Concello da Coruña a través de Coruña Dixital e do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática, celebrará a súa seguinte xornada o vindeiro  7 de abril no centro Ágora, dende as 10:00 até as 20:00.

Tedes toda a información na web de Coruña Hacks, á que podedes acceder aquí, e tamén podedes seguir a conversa en redes baixo a etiqueta #CoruñaHacks.

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar