Máis de trescentos desenvolvedores preocupados polo software e as tecnoloxías libres participaron nas catorce charlas que os GPUL Labs desenvolveron no viveiro de empresas Accede Papagaio e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña entre os meses de marzo e xuño. Un moi bo resultado para a primeira parte desta iniciativa, na que se falou sobre cuestións moi variadas, como a  programación de emuladores de videoxogos. Tamén houbo tempo para abordar todo o relativo ás librarías para o desenvolvemento de aplicacións web complexas, como ReactJS e Angular, así como ferramentas para traballar con datos xeográficos (PostGIS) ou boas prácticas no desenvolvemento seguindo os principios do Software Craftsmanship.

Nestas últimas charlas, antes do descaso do verán,  tratáronse temas menos técnicos, como os modelos de negocio no software libre. Nelas explicáronse as diversas maneiras existentes de facer negocio, sendo ao mesmo tempo éticos no desenvolvemento de software. Os estudantes da Facultade de Informática tiveron tamén a oportunidade de ver como liberar software está a xogar un papel fundamental no rápido crecemento da tecnoloxía e, a través de exemplos prácticos, coñecer os beneficios de publicar o seu traballo de fin de grao ou master cunha licenza libre e contribuír a un proxecto xa liberado.

Os GPUL Labs continúan nos meses de setembro e outubro  co Hackathiño de Datos Abertos, centrado este ano na mobilidade sostible, con  obradoiros para instalar e introducirse nos sistemas operativos GNU/Linux. Ademais, aproveitando que este ano Librecon se celebra en outubro na cidade de Santiago de Compostela, GPUL participará organizando un novo hackathon, dentro dos GPUL Labs, centrado na Industria 4.0 e no Sector Primario.

Ademais, a organización convida a todas as persoas interesadas en compartir coñecementos a formar parte do seu proxecto divulgativo. Interesan cuestións técnicas, como,  Git e GitLab, testing e/ou integración contínua, Android, etc,…pero tamén cuestións menos técnicas. Por exemplo,  a importancia de liberar software, aspectos relacionados coa privacidade ou modelos de negocio. Son só algúns dos temas propostos  aínda que se admiten todo tipo de suxerencias.

Entradas recomendadas