O pasado 1 de decembro pechouse a última edición de Coruña Hacks. Despois de tres intensas xornadas de desenvolvemento dos proxectos e traballo en equipo, a proposta que organizan de maneira colaborativa as asociación GPUL , Árticos e Coruña Developers co apoio do Concello da Coruña, Participación e Innovación Democrática e Coruña Dixital -ademais de varios patrocinadores privados- chegou ao seu fin cunha presentación de proxectos.

O xurado, formado pola concelleira de Participación e Innovación Claudia Delso, o representante do CPEIG Iván Luis Vazquez, Luis Alberto Fernández, representante de AGASOL (Asociación Galega de Software Libre), Chema Casanova en representación de Igalia e Anxo Barreiro de BVAsesores, decidiu que o primeiro clasificado fora o proxecto Aloha, de creación dunha plataforma que, a través da gamificación, faga máis doado coñecer aos novos compañeiros de traballo cando un se incorpora a unha empresa.

Premios para os dous primeiros clasificados

Aloha superou nas consideracións do xurado a FYD, unha plataforma para facilitar a toma de decisións grupais, QAS Sensoring un sistema de sensorización da calidade do aire gañador do segundo premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre deste ano, e Matrix Hacks, unha achega dun dos equipos de Coruña Hacks ao proxecto Matrix.

Houbo un premio xeral para todos os clasificados, en forma de hosting gratuíto durante un ano grazas a Dinahosting. A maiores, Aloha contará cunha fin de semana nunha casa rural para sacar a diante unha versión do seu proxecto e, o segundo clasificado, terá como premio 300€ para buscar colaboradores a través de BountySource.

 

 

Entradas recentes