O Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación presentou este 13 de setembro o seu programa de actividades de outono, ante o público en xeral, coa asistencia do concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, pero moi especialmente ante os creadores e persoas interesadas na cultura audiovisual contemporánea, coas que celebrou un encontro. Así, a Comunidade LAIC puido coñecer de primeira man a programación deseñada para os meses de outubro e novembro polos responsables de Coruña Dixital, na que a través de charlas, encontros e obradoiros se lles ofrece aos participantes a oportunidade de profundizar nas posibilidades dos novos medios e da innovación audiovisual.

 

Formación en novas linguaxes e plataformas

Son unha decena de actividades as que o LAIC programa para este outono. A primeira delas será o 5 de outubro, co obradoiro “Como publicar contidos audiovisuais con licenzas libres”, impartido por Jorge Lama. A proposta, destinada a persoas de calquera idade con interese na creación audiovisual, a comunicación e os contidos dixitais, xirará en torno ás posibilidades das licenzas Creative Commons.

O cineasta Miguel Ángel Rolland, director do documental “Santa Fiesta” será quen imparta o 14 de outubro “Supercine, taller de cinema crowd”, cun límite de doce prazas e dirixido a cineastas que queiran afondar nas ferramentas que ofrece o crowdfunding para o desenvolvemento do seu proxecto.

“Como profesionalizar a túa canle de YouTube”, o 19 de outubro, ofrecerá as claves precisas para sacarlle o máximo partido posible a esta plataforma, desde a experiencia do galego Sebas G. Mouret,  o booktuber con máis seguidores en España, coa canle El Coleccionista de Mundos, xunto con Patricia González, e Teresa Guerra, da axencia de talentos dixitais 2btube.  A formación sobre esta plataforma completarase en novembro coa charla  “Aventuras dunha youtuber legal”, impartida por Bárbara Román e Jose Manuel Sendín,  avogados de NoLegalTech, sobre as cuestións legais que unha persoa debe coñecer se pensa ter unha canle de YouTube e publicar contidos para evitar problemas.

O día 18 de novembro, da man do colectivo sevillano ZEMOS98, o LAIC ofrece vinte prazas para o “Taller de narrativas populares contemporáneas”, dirixido a persoas interesadas no uso crítico das novos medios e o seu uso para a creación, a educación e o activismo.  Falarase de memética, folclore dixital, cultura da remezcla e novas ferramentas de comunicación como GIFs, memes e microvídeos.

 

Laboratorios de creación e encontro profesional

Entre o 27 de outubro, día mundial do Patrimonio Audiovisual, e o 4 de novembro, o LAIC desenvolverá o Laboratorio transmedia “A Coruña Rebelde”, que consistirá nun “arquivatón” no que se creará un repositorio público de arquivos multimedia, e un “hackatón” de realidade aumentada co obxectivo de crear un prototipo de aplicación para móbiles e tablets que relacione estes arquivos con distintos puntos da cidade. O obxectivo é recuperar o patrimonio e a memoria da cidade explorando as tecnoloxías emerxentes e as novas narrativas, da man do enxeñeiro audiovisual Toño Cabanelas, do colectivo Bermudas.land.

En colaboración coa Asociación Monkey Laboratory (MOLAB), o 24 de novembro levarase a cabo o  “Laboratorio de creación de videoxogos”, un taller de desenvolvemento colaborativo dirixido a creadores de distintas disciplinas que poidan xuntar o seu talento para incubar novos proxectos.

Outro novo escenario será o que se analice na xornada Novos modelos profesionais para o audiovisual”, o 23 de novembro, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual. Nela tratarase a evolución experimentada polo sector trala irrupción de Internet e que novas oportunidades de traballo aparecen, a través de diferentes casos de éxito. Haberá unha sesión de contactos entre empresas e profesionais, así como unha sesión de reflexión sobre as condicións de traballo neste sector, que tratará de propoñer boas prácticas para combater a precariedade.

Todas as actividades programadas polo  LAIC son gratuítas e se desenvolven en varios espazos da cidade, como Accede Papagaio, o centro cívico Cidade Vella, centro Ágora, Quiosco Alfonso e o espazo cultural Normal. O prazo para inscribirse na maioría das actividades xa está aberto. As persoas interesadas poderán obter máis información e preinscribirse na nosa axenda.

Entradas recomendadas