O Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación de Coruña Dixital pechou esta fin de semana unha etapa coa xornada Demo de #LAIC!, na que as persoas que participaron nos grupos de narrativas populares contemporáneas, vídeo mapping e realidade aumentada puideron poñer en común todo o aprendido e experimentado, así como algúns dos proxectos que desenvolveron neste tempo.

A xornada, que estaba aberta á veciñanza, contou tamén coa presencia de José Manuel Sande, concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, área desde a que se promove o programa Coruña Dixital.

No centro Ágora, sede nestes meses das actividades do #LAIC, houbo tempo para escoitar o balance das sesións, da man das coordinadoras dos grupos de narrativas populares (María Yáñez), realidade aumentada (Aida Vidal) e vídeo mapping (Pablo Ferrer), pero, sobre todo, para ver, e nalgún caso experimentar, o feito pol*s compañeir*s: desde interesantes e divertidos proxectos de narrativas populares ata prototipos de realidade aumentada, pasando por unha exhibición de vídeo mapping.

Un peche de ciclo divertido que serviu para ver cantas persoas hai con ganas de inspirarse e experimentar, pero tamén canto talento e creatividade hai no ámbito dixital.

Parabéns a participantes e coordinadoras por este estupendo #LAIC! 😉

 

Entradas recentes