Até o 28 de febreiro o Kit de Activación Dixital, que foi presentado ao público e activado o pasado día 3, recollerá as achegas de todas aquelas persoas que teñan unha experiencia relacionada co audiovisual e as narrativas dixitais como ferramentas de traballo ou aprendizaxe no contexto da educación ou da transformación social.

O proceso é sinxelo: en primeiro lugar hai que acceder ao espazo web do Kit, e unha vez dentro, entrar no apartado de Achegas e cubrir un formulario online. Do mesmo xeito recóllense ideas, suxestións e dúbidas que teñan como obxectivo mellorar a guía metodolóxica do Kit ou calquera outro apartado do mesmo. A idea é, unha vez pechado o prazo de recollida, elaborar un documento, que será tamén descargable en PDF, e que será a guía metodolóxica final. Esta guía, xa definitiva, incorporarase á web o día 15 de marzo.

 

Pero… que é o Kit?

O Kit de Activación Dixital é unha guía, pero tamén un punto de encontro entre persoas que fan e persoas que queren facer. Serve para poñer en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación audiovisual e a comunicación dixital, pensando especialmente nas aulas de ensino (formal ou non) e nos espazos culturais de proximidade, pero tamén en asociacións veciñais, culturais ou vinculadas a colectivos específicos. En definitiva, para todas esas profesionais, activistas ou persoas implicadas que, nalgunha ocasión, pensaron en facer “algo” en formato dixital para involucrar a terceiros, divulgar coñecementos ou explorar posibilidades, e ao momento desbotaron a idea por irrealizable coas súas posibilidades.

Na práctica, o primeiro que temos que facer é entrar no espazo web, onde atoparemos as explicacións pertinentes e detalladas sobre o Kit, así como a súa filosofía de conectar (aos usuarios con iniciativas e profesionais que as desenvolven), inspirar (en base a experiencias xa realizadas) e activar (ao novo usuario cunha guía metodolóxica para desenvolver o seu propio proxecto). Esta última parte, a da guía metodolóxica, é a que neste momento está aberta ás achegas da cidadanía. O que si sabemos con certeza é cal é o seu esquema: Defíneo – Dótao- Faino – Cóntao. 

 

Os profesionais que conflúen no Kit

O Kit de Activación Dixital é unha iniciativa do programa Coruña Dixital que se desenvolve baixo a coordinación de Sergio Lago co traballo de Roi Guitián e María Lado, Gingko, e Cristina de la Torre, La Mujer Forzuda. Con eles definiuse cal sería a estrutura do Kit que hoxe coñecemos, fíxose o prototipo web e abriuse o proceso a unha primeira fase de achegas de profesionais que foi a que acabou por completalo.

No Kit, ademais de coñecer os proxectos que centros escolares, asociacións ou colectivos veciñais levaron a cabo empregando os formatos dixital e audiovisual, podemos acceder á metodoloxía e ideas que os sustentaron, pero tamén ás persoas, profesionais destes ámbitos, que os realizaron. A meirande parte participou na presentación ao público do Kit, explicando precisamente algunhas das iniciativas que desenvolven. Así puidemos coñecer de primeira man o traballo, non só de Gingko e La Mujer Forzuda, senón tamén de Videodinamizarte, Airoá e Olloboi.

Nesa presentación, por certo, ocurriu algo que ten moito que ver coa filosofía do Kit e do proceso participativo no que agora se atopa, e é que o público que asistiu puido coñecer a estes profesionais e falar con eles dos seus proxectos, dúbidas e ideas, comezando, fóra da Rede, esta fase de achegas e, o que é aínda máis importante: fixeron realidade a vocación de punto de encontro deste novo espazo dixital.

 

 

Entradas recomendadas