Do 6 ao 8 de xullo celébrase no Palexco da Coruña a 16ª edición de Mundos Digitales, o gran congreso internacional de animación, VFX, realidade virtual, videoxogos e arquitectura dixital que xa se converteu nun referente do sector en Europa.

Trátase dun evento destinado ao público profesional, pero por primeira vez este ano o público xeral poderá asistir a unha das xornadas, a do día 7, que co título Out of the Box. Industry & Design quere presentar as últimas novidades na creación digital e as súas posibiles aplicacións para diferentes industrias e servizos, máis alá dos seus actuais usos no sector audiovisual ou a arquitectura dixital.

Ao longo desta xornada haberá distintas conferencias a cargo de Fréderic Martínez-Menéndez, de Miopía FX, que explicará a técnica da fotogrametría para crear modelos fotorrealistas para o seu uso en efectos especiais visuais de producións audiovisuais de alto nivel, Andrea Gutiérrez e Luis Rivero, que ilustrarán sobre o uso do modelado 3D para o comercio electrónico, Xavi Tribó, de Head of Technology, que ensinará o seu traballo con Percebeiro Shield para Nissan. Jaime Vilar e Abel Pereira, de Asidek,explicarán o potencial da aplicación da realidade virtual ás tecnoloxías de modelado de información de construción (BIM), toda unha revolución para o sector da arquitectura e a construción. Tamén abordará a VR Víctor M. Feliz, xefe de I+D de Motiva, que abrirá o debate sobre técnicas e ferramentas que xa son unha realidade e que poden levarse a novas aplicacións que non nos resultan familiares.

Tamén se poderá visitar a zona expositiva VR Dimension e coñecer diversas experiencias en realidade virtual, como “BeefeaterXO”, creada por Future Lighthouse, responsables tamén da nova experiencia en VR da serie “El ministerio del tiempo”, ou Google Earth VR, que permite explorar o planeta a través da realidade virtual,a aventura gráfica “Island Journey VR” e o xogo de realidade virtual “The Lost Explorer”, así como os proxectos de realidade virtual e aumentada nos que están a traballar dende o CIS Galicia.

As prazas para esta xornada de portas abertas son limitadas. Para incribirse cómpre encher este formulario na web de Mundos Digitales.

Entradas recomendadas