O primeiro Encontro #LAIC, celebrado o pasado luns 26 no viveiro de empresas Accede Papagaio, tiña como obxectivo presentar as liñas principais do novo Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación que está a poñer en marcha Coruña Dixital, pero sobre todo coñecer as persoas interesadas na creación audiovisual en internet que xa están a traballar e facer cousas na cidade. Arredor de 50 persoas acudiron a esta chamada, que é un primeiro paso para crear comunidade e visibilizar o talento en torno a estas prácticas.

Deseñadoras gráficas e de UX, realizadores, docentes, gamers, bloggers, youtubers, xornalistas, ilustradoras, podcasters, expertos en turismo 3.0, en redes sociais e en contidos interactivos, e máis perfís procedentes de diversas disciplinas estiveron presentes nesta primeira toma de contacto, que trataba tamén de coñecer cales son os intereses desta comunidade, de cara a seguir deseñando os contidos do #LAIC a curto e medio prazo. Os principais teñen que ver con crear redes e espazos de colaboración: moita xente busca perfís creativos similares ou complementarios cos que poder contactar para traballar en proxectos que lles fagan “saír da cova”. Tamén se demandan actividades de formación en novos formatos e no uso de ferramentas para a creacion dixital.

As persoas asistentes tamén manifestaron o seu desexo de seguir conectadas virtualmente con algún tipo de ferramenta de comunicación horizontal, e será algo que activaremos proximamente. Se non puideches asistir á xuntanza do luns e queres formar parte desta comunidade e manterte informada/o de todo o que faremos no #LAIC, podes cubrir este formulario, que é o mesmo que encheron as persoas que acudiron ao encontro presencial. De todos xeitos, á volta do verán faremos máis encontros e presentaremos xa de forma definitiva a programación para este outono do #LAIC e de Coruña Dixital.

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar