Sala maker@domus

O espazo municipal para experimentar a cultura maker

A Domus, integrada na rede de Museos Científicos Coruñeses (=mc2), conta cun espazo pensado para experimentar a cultura maker, facer tecnoloxía por un mesmo e comezar a pensar coas mans.

O chamado movemento maker está protagonizado por persoas inquietas, apaixonadas pola tecnoloxía, educadores, artesáns, enxeñeiros, estudantes, defensores da filosofía do código aberto, e de todos aqueles cuxo pensamento vira ao redor de como inventar ou crear cousas novas. Tecnoloxías como a das impresoras 3D, cortadoras láser ou as placas Arduino posibilitan a materialización deste tipo de actividades.

A sala conta con varias contornas: unha para realizar actividades de grupo, outra para celebrar actividades formativas, unha terceira para tarefas propias de maker e dous espazos tipo fab-lab, para traballos tipo taller (cortadoras láser e tornos). Unha das características a destacar é que a sala é totalmente configurable, podendo adaptar os espazos ás distintas actividades así como a eventos máis multitudinarios.

Para a concepción e desenvolvemento do espazo, a Domus colaborou con The Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, pioneiros a nivel mundial na posta en marcha dun espazo maker integrado nun centro de ciencia e un referente en educación STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas).

Como podes participar?

A sala conta cunha programación de talleres dirixidos a grupos escolares de entre 6 e 14 anos de idade, previa reserva. Tamén hai unha zona para profesores que queiran formarse e poidan experimentar cos medios existentes.

O espazo tamén funciona como punto de encontro semanal de Bricolabs, o colectivo maker coruñés. Cada mes celebran unha xornada de portas abertas.

Contacto

Proxectos relacionados