Coruña Dixital

Coñece como podes participar na comunidade

O programa municipal Coruña Dixital ten como obxectivo principal favorecer a conexión das persoas interesadas na cultura dixital, no uso creativo da tecnoloxía e no emprendemento sustentábel de proxectos innovadores e con capacidade transformadora, ben sexan iniciativas creativas, culturais, sociais ou profesionais. E facémolo:

  • Apoiando e divulgando nesta web e nas nosas redes os eventos, colectivos e entidades da cidade que traballan no eido dixital, especialmente dende unha perspectiva creativa, social ou comunitaria.
  • Conectando o tecido de entidades e colectivos da cidade con axentes e experiencias inspiradoras de fóra dos límites municipais.
  • Ofrecendo asesoramento a outras áreas municipais, para poder impulsar de xeito transversal novas iniciativas creativas, sempre con enfoque tecnolóxico e dixital.
  • Promovendo actividades e espazos colaborativos nos que poder inspirarse, aprender e experimentar xuntas coa cultura dixital, sexa cal sexa o coñecemento previo dos participantes.

Como podes participar?

A sede principal do programa é o Centro Ágora onde, ademais doutras moitas propostas municipais, compartimos tamén espazo con outra iniciativa apoiada polo Concello, como é a Oficina de Cooperación Audiovisual da Academia Galega do Audiovisual (AGA).

Sempre que teñamos actividade na nosa axenda, podes visitarnos en Ágora para:

  • Poñerte en contacto co equipo do programa e informarte sobre as nosas liñas de traballo.
  • Propoñer pequenas presentacións de proxectos e iniciativas na liña do programa, incluso como citas fixas regulares. Anímate a poñer en común a túa proposta!
  • Contar cun espazo para xuntanzas de colectivos e entidades que traballedes dentro das liñas do programa.
  • E por suposto, coñecer as actividades, encontros e grupos de traballo que poñamos en marcha e participar neles.

Como podes estar ao día de todas as novidades?

– Na nosa web, podes contactar para enviarnos información que penses que pode ser de interese para o conxunto da comunidade.

– Tamén podes escribirnos a ola@corunadixital.com para calquera dúbida ou consulta, ademais de para propoñer calquera posible colaboración ou solicitar apoio municipal se sodes un colectivo ou entidade.

– Se desexas participar de xeito máis activo, únete á nosa comunidade virtual e participa nos grupos temáticos:

Coruña Dixital

– Subscríbete ao noso boletín de novas e síguenos nas redes sociais para estar ao día das novas convocatorias e novidades:



 

Proxectos relacionados

Empece a escribir e pulse Enter para buscar