O 28 e 29 de marzo a facultade de Informática da Universidade da Coruña acolle a cuarta edición do evento itinerante Informática para Tod@s. Unha proposta que conta co apoio municipal a través de Coruña Dixital e que busca promover o papel das profesionais do ámbito tecnolóxico.

Informática para Tod@s é un evento ACM-W. ACM é a maior asociación internacional de estudantes, profesionais, docentes e investigadores do eido da Informática e as novas tecnoloxías e desenvolve recursos como conferencias, cursos, networking ou ofertas de emprego, ademais de biblioteca online. Dentro dela, ACM-W encárgase de visibilizar a muller no ámbito da computación, co obxectivo de axudar a eliminar a fenda de xénero dixital. Con este espíritu, Informática para Tod@s ofrece un completo programa de perfil técnico no que se inclúen charlas, sesión de pósters, paneis de discusión e feira de emprego.

 

Doce relatoras de primero nivel para doce temas de interese

Na web de IPT é posible consultar o programa completo das dúas xornadas, que comezan o xoves 28 pola tarde coa presentación de pósters e a feira de emprego e charla de empresas. A xornada do venres 29 será máis intensa, con horario de mañá e tarde. Comezará cun acto de apertura no que participará a concelleira de Participación e Innovación Democrática Claudia Delso, encargada da área de Informática, Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico do Concello da Coruña. Despois, as persoas que participen no evento poderán asistir a unha ducia de conferencias doutras tantas relatoras, profesionais de referencia no ámbito tecnolóxico.

Así, en Informática para Tod@s, poderemos escoitar, entre outras, a Nuria Oliver, referente en España en intelixencia artificial e big data, que nos falará por videoconferencia sobre Big Data e AI para o ben social. Tamén participará na xornada a programadora Eneritz Zubizarreta, fundadora da empresa Globe Norte, que acaba de abrir unha filial na Coruña, coa charla “1, 2, 3 probando, probando”. Haberá ocasión de escoitar á especialista en tecnoloxías front-end Ana Encinar, que falará de Front Performance, e á enxeñeira telemática Marta de la Cruz, especialista en ciberseguridade. Tamén participará e IPT Nerea Luis, fundadora de T3chFest, un dos principais eventos de novas tecnoloxías, quen tratará na súa palestra da intelixencia artificial máis alá da minería de datos. E Sabela Ramos, galega formada na Universidade da Coruña, actualmente traballando en YouTube en Zúrich, que chega a esta cita coa charla “Onde están as informáticas?”.

Tamén hai relatoras que non responden a un perfil técnico, aínda que si teñen relación profesional co ámbito tecnolóxico, como é o caso da xornalista galega Andrea López. Andrea, que actualmente traballa en Coru.NET, aportará a súa experiencia baixo o título “Como ser de letras e traballar con informátic@s: perfís máis alá de redes sociais, marketing e SEO”. A andaluza Cristina Copete tamén aportará un perfil non técnico desde a súa experiencia como especialista en recursos humanos nunha empresa adicada ás TIC, onde a diversidade na composición dos equipos é cada vez unha cuestión máis relevante.

Pechan o grupo de profesionais que participan nesta edición no ámbito das conferencias a deseñadora UX senior María Fernández, cunha charla sobre a intelixencia emocional aplicada ao desenvolvemento tecnolóxico, a deseñadora web Martina Guzmán, que abordará como é o proceso de emprender; a doctora en Informática Ruth Cobos, que falará sobre a informática aplicada á educación e Cristina Márquez, data scientist, que ofrecerá unha charla sobre o uso de APPS e o seu consumo en España.

Ademais, o programa de conferencias inclúe unha mesa redonda sobre iniciativas enfocadas ás nenas e mulleres e as TIC. Toda a información sobre este evento, para o que xa se poden reservar as entradas -que son gratuítas-, tédela ao voso dispor na nosa axenda, á que podedes acceder desde aquí.

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar