O hackathiño é un hackathon pero máis noso 😉

Organizado da man dos colectivos de programadores GPUL, Árticos e o GDG Coruña, foi unha iniciativa coa que buscabamos abrir os datos das comunidades locais, asociacións, colectivos, pemes, etc. para mostrar as aplicacións de interese social que se poden desenvolver a partir da información aberta. A UDC colaborou con esta iniciativa acolléndonos no edificio da Normal. Contamos tamén coa participación como mentores de Alberto Varela, Jorge López e Adrián Eirís, do proxecto CartoLab.

Un hackathon ou hackatón, é un termo usado para referirse a un encontro de programadores cuxo obxectivo é o desenvolvemento colaborativo de software, aínda que en ocasións pode haber tamén un compoñente de hardware. O termo integra os conceptos de maratón e hacker, aludindo a unha experiencia colectiva que persegue a meta común de desenvolver aplicacións de forma colaborativa nun lapso curto.

A actividade contou tamén con dúas charlas introdutorias sobre os datos abertos:

 

Deixámosvos neste álbum unha crónica fotográfica rápida desta fin de semana:
Outro resumo realizado por GPUL:
O proxecto gañador foi OpenPet, que unifica nunha API pública varias bases de datos de entidades que ofrecen animais en adopción. A partir deste traballo desenvolveron tamén un prototipo de web máis cómoda para o usuario final e un bot de twitter que lanza avisos de adopción, o que permite que máis xente poida compartilos: https://twitter.com/pet_open
O proxecto que finalmente acadaría o segundo posto: Open Clean Energy, unha proposta moi ambiciosa que cruza datos abertos de consumo de enerxías renovables con información metereolóxica de toda España. O obxectivo: analizar esa informacion para saber en que enerxía invertir en cada territorio:

.

É que é isto dos datos abertos? Unha introdución rápida para saber se lle interesa á miña entidade

Como di a Wikipedia, “o concepto datos abertos (open data, en inglés) é unha filosofía e práctica que persegue que determinados tipos de datos estean dispoñibles de forma libre para todo o mundo, sen restricións de dereitos de autor, de patentes ou doutros mecanismos de control.”

Os datos abertos son conxuntos de datos que poden ser útiles para a sociedade, e que favorecen o ben común sendo explotados de forma útil para a mesma. Xeralmente, cando falamos de datos abertos adoitamos pensar en datos xeográficos, meteorolóxicos, etc. pero calquera conxunto de datos que poderían ser públicos é susceptible de ser útil para a sociedade, por exemplo os datos en tempo real sobre transporte público, a información contida en informes e estudos, a lista de animais adoptables dunha protectora de animais ou as estatísticas de contaminación segundo as diversas zonas da cidade.

Por que debería abrir os meus datos? Calquera entidade con responsabilidade social ou que directamente busque ou proporcione un ben social podería apoiarse nas posibilidades de facer os seus datos públicos. Aos programadores e seguidores da filosofía de software libre, dispor de datos para poder usar libremente permítelles desenvolver ferramentas que utilicen eses datos e resulten proveitosas para moita xente. Para a entidade que libera os datos, o beneficio é a posibilidade de dispor de ferramentas desenvolvidas desinteresadamente por outras persoas.

Que teño que facer para abrir os meus datos? O primeiro paso para abrir datos, sen ningunha dúbida, é decidir que datos vanse liberar ao público. Hai algúns datos que son susceptibles de ser públicos e outros que por cuestións legais ou organizacionais non deben ser expostos públicamente. Unha vez decididos os datos que queremos publicar, outro aspecto importante é decidir a licenza coa que os publicaremos. Existen varios tipos de licenzas aplicables a datos abertos. As máis específicas pódense atopar en opendatacommons.org/licenses, aínda que licenzas máis usadas habitualmente como as licenzas Creative Commons, tamén son compatibles. Tras estas decisións previas, o proceso técnico para facer os datos dispoñibles depende do sistema de xestión de datos que se utilice en cada caso.

¿Podo ver algún exemplo? Para ver o potencial dos datos abertos aquí temos unha pequena lista de proxectos que xeran ou utilizan este tipo de datos:

 

Non dubides en escribirnos a ola@corunadixital.gal para aclarar calquera dúbida ou contarnos en que estás a pensar, aínda que sexa unha idea moi inicial. Tamén podedes ver aplicacións feitas grazas a fontes abertas ou propoñer ideas directamente no FORO do Hackathiño.

Entradas recomendadas