Internet revolucionou as dinámicas de traballo común. Un abano de ferramentas dixitais apareceron na nube/rede na que se articulan cada vez máis as nosas relacións. Cada ferramenta que se crea produce unha nova dinámica común, unha nova forma de relacionarnos, de crear en comunidade, de axilizar a toma de decisións, de aprender do resto do equipo e de sorprendernos cos resultados obtidos.

As ferramentas colaborativas en rede facilitan e desenvolven a intelixencia colectiva e a eficiencia das organizacións. Neste obradoiro ensinaremos algunhas pautas para o traballo grupal e falaremos de como pór en marcha un proceso colaborativo.

furallefalleO obradoiro, celebrado no Centro Cívico Cidade Vella, estivo dirixido a xestores culturais e a activistas de colectivos sociais ou culturais da cidade e foi impartido por Fur Alle Falle, expert*s en prácticas e ferramentas colaborativas.

Vanesa Castro e Iñaki López son Fur Alle Falle, unha produtora cultural independente que nace en 2003. Tamén son parte da asociación RuralC, o laboratorio de experimentación Dio3Stu, a comunidade Montenoso, o grupo de música Cuerpo Astral e outros proxectos colaborativos. Amb*s son licenciad*s en Belas Artes e especialistas en medios audiovisuais e transmedia, producen obras analóxicas e dixitais, fan performances e happenings, organizan eventos culturais e curadorías e imparten talleres e conferencias.

A súa forma de traballo caracterízase por merodear e tratar de hackear límites, cuestionar o incuestionable ou colleitar erros que son virtudes. Utilizan o humor como recurso creativo. Para cada proxecto realizan unha investigación e aplican a disciplina que consideran máis adecuada para expresar ou cuestionar ideas.

Sempre ofrecen unha boa documentación das súas creacións e procesos, o cal para eles é unha clave de éxito. Traballan sempre cunha mirada social, tratando que os seus proxectos e accións incidan no común. Comparten os seus procesos para que poidan ser revisados, reutilizados e mellorados.

Entradas recomendadas