Xornada “Arquivos Audiovisuais Abertos”

Celebramos o Día Mundial do Patrimonio Audiovisual cun encontro para explorar boas prácticas e ferramentas que permitan “abrir” máis á sociedade os nosos arquivos audiovisuais institucionais e comunitarios. Compartiranse experiencias de institucións da memoria tanto internacionais como galegas que están a preservar, pero tamén a poñer en común e en dixital, o seu patrimonio cultural.

A actividade está organizada en colaboración co grupo informal de traballo "Abrir os Arquivos" (abrirosarquivos.tumblr.com), o cal nace en Galicia precisamente arredor da preocupación pola preservación, accesibilidade e utilización de contidos dixitais culturais, pensando especialmente nos arquivos visuais, sonoros e audiovisuais.

 

mbrinkerik-0454Como convidado especial desta xornada contaremos con Maarten Brinkerink.

Como experto en Participación Pública e Acceso Innovador no departamento de Coñecemento e Innovación do Neederlands Institute for Sound and Vision, Maarten coordina as achegas do instituto a proxectos de investigación (inter)nacionais. Realiza as súas contribucións na sección de planificación estratéxica de Sound and Vision, reforzando as aportacións no eido de patrimonio en iniciativas como Open Cultuur Data e a Netwerk Digitaal Erfgoed.

Maarten Brinkerink gradouse no máster en Novos Medios e Cultura Dixital da Universidade de Utrecht en 2007. Seis meses despois, converteuse en coordinador do proxecto Open Images, desenvolvido polo departamento de I+D de Sound and Vision. Inicialmente, o seu enfoque era o acceso libre como modelo de distribución para o patrimonio dixital. Cos anos, especializouse en copyright, crowdsourcing e a reutilización do patrimonio dixital; tamén no ámbito da accesibilidade, co seu traballo para o proxecto de dixitalización masiva Images for the Future e en proxectos internacionais de investigación.

Algúns dos proxectos nos que ten participado:

  • Europeana Sounds - coordinador de equipo (WP2 Mellora e Participación)
  • Open Cultuur Data – coordinador de proxecto por parte de Sound and Vision
  • Netwerk Digitaal Erfgoed – coordinador de programas en Sound and Vision
  • Europeana DSI - coordinador en Sound and Vision
  • COGITCH - coordinador en Sound and Vision
  • OBSERVE - coordinador en Sound and Vision
  • As publicacións de Maarten Brinkerink están dispoñibles en publications.beeldengeluid.nl

 

Tamén poderemos achegarnos a unha panorámica diversa de iniciativas galegas vinculadas cos arquivos audiovisuais e que teñen en común a súa orixe non institucional, ben sexa comunitaria, empresarial ou artística:

  • Carme Suarez presentará Fálame de San Sadurniño, unha das iniciativas comunitarias pioneiras en Galicia.
  • Beli Martínez mostraranos a experiencia co patrimonio audiovisual da Guarda e o Baixo Miño de Proxecto Socheo
  • Dani Cerqueiro falaranos da iniciativa empresarial Phottic
  • Pilar Rodríguez compartirá a experiencia de LuarTUBE, o portal de vídeos do lonxevo programa da TVG.
  • Xana García representará á compañía de artes escénicas Chévere, que dixitaliza e comparte o seu arquivo a través do portal RedeNasa.tv
  • Marcos Nine tráenos a súa obra A Viaxe de Leslie, un collage audiovisual realizado grazas ao uso de imaxes de arquivo.

 

A quen vai dirixida esta actividade?

A actividade está especialmente dirixida a profesionais de bibliotecas, arquivos, museos e documentación, aínda que tamén resultará de gran interese para estudantes e axentes do audiovisual, da xestión cultural ou da comunicación audiovisual.

 

O programa da xornada

O encontro abrirase ás 10:00 cunha benvida e a posterior charla de Maarten Brinkerink: "Open Media Archives" (45', en inglés*), continuada cun turno de preguntas e conversa con todas as persoas participantes. Despois dunha breve pausa achegarémonos a varias experiencias galegas e abriremos un debate sobre a situación en Galicia dentro deste eido. O peche da sesión da mañá será ás 13:30.

Xa na tarde, de 16:00 a 20:00 Maarten Brinkerink impartirá un obradoiro práctico sobre como converter as nosas coleccións audiovisuais en "open media archives".

 

Inscríbete! (prazas limitadas)

  • As inscricións na xornada de mañá e na da tarde deben realizarse de xeito independente** en TICKETEA (se desexas acudir a ambas deberás reservar praza en cada unha delas).

    * Aínda que existirá apoio de tradución consecutiva (inglés-galego/castelán), especialmente na xornada de tarde, polo dinamismo propio dun obradoiro, é preciso contar cun nivel de inglés medio para poder seguir as explicacións do convidado e comprender os materiais e ferramentas que se manexen. Se tes dúbidas neste sentido, podes escribirnos a ola@corunadixital.gal
    ** A razón é que o formato da mañá permite un aforo maior que o da tarde.

Detalles

Data

Dende o 27/10/2016 ata o 27/10/2016 10:00 a 13:30 / 16:00 a 20:00

Contacto

https://www.facebook.com/events/1146316468792916/

Lugar

CGAI

Rúa Durán Loriga, 10
15003 A Coruña

881 88 12 60 http://www.cgai.org/ cgai@xunta.es