Noroeste Videocamp

Un obradoiro intensivo de creación audiovisual para compartir en imaxes a túa experiencia no Festival Noroeste Estrella Galicia. Participa co teu equipo, aprende e vive o festival doutra maneira.

Como vive a cidade o Festival Noroeste Estrella Galicia? Como o vives ti e os teus amigos? Queres contárnolo en vídeo? Participa no Noroeste Videocamp e aprende a guionizar, producir, gravar, editar e publicar a túa historia nas redes. Atende o festival doutra maneira e comparte e túa experiencia co mundo ao tempo que coñeces xente nova coa que vas formar equipo.

En que consiste?

É un obradoiro intensivo de creación no que aprenderás como é o proceso de desenvolvemento e produción dun produto audiovisual para internet, feito co material que tes a man. Coñecerás os equipos e ferramentas básicas que se precisan para organizar unha gravación e como darlle un acabado molón para movelo nas redes. Todo isto, co Festival Noroeste de fondo. Un marco festivo e espectacular do que seguro saen moitas historias para contar con imaxes.

Como participar?

Se tes máis de 16 anos e che gusta o vídeo, a música e as novas linguaxes, podes apuntarte de xeito gratuíto cubrindo este formulario. Cóntanos qué sabes facer e qué che gustaría contar do Festival Noroeste Estrella Galicia. Podes botarlle un ollo á programación na súa web.

Inscrición e selección de participantes

O prazo de inscrición está aberto ata o 21 de xullo ás 23:59. O 26 de xullo confirmaráselle ás persoas seleccionadas a súa participación.

Haberá un máximo de 20 prazas. A selección vaina facer o comité de organización de Coruña Dixital atendendo aos seguintes criterios:

  • Motivación persoal e compromiso co equipo. Precisamos que esteas presente, proactiva/o e dispoñible para traballar coas túas compañeiras/os.  
  • Habilidades e preferencias técnicas e creativas. Trataremos de que os equipos de traballo estean equilibrados.
  • Se achegas unha idea para un posible vídeo, valoraremos o seu interese, orixinalidade, e viabilidade, así como a súa capacidade de difusión na rede.

Entre todos os participantes seleccionados faranse tres equipos o primeiro día do obradoiro, tendo en conta o equilibrio de habilidades dentro de cada grupo.

Cada un dos equipos fará, no tempo que dura a actividade, unha peza audiovisual de creación, baixo os parámetros establecidos polos facilitadores do obradoiro. Terán que cubrir todo o proceso, desde a concreción da idea inicial ata a difusión nas redes das pezas.

Aínda que non se trata dunha competición, valoraranse cunha mención especial as pezas máis innovadoras e as máis populares nas redes sociais.  

As persoas participantes recibirán unha acreditación como staff do festival, que lles permitirá acceder tamén de xeito gratuíto aos concertos de pago.

Dispoñibilidade necesaria:

  • É imprescindible asistir ás sesións presenciais e ás xornadas de rodaxe, así como facer seguimento do traballo online.  
  • As sesións presenciais serán en horario de mañá (10h-14h) no Centro Cívico da Cidade Vella.
  • A/s xornada/s de rodaxe serán durante os días nos que se celebre o Noroeste (8-13 agosto)
  • Haberá un encontro final aberto ao público para presentar os traballos o día 18 de agosto á tardiña.

 

Quen o imparte? 

Esferobite-DSK (Belén Montero e Juan Lesta).

Directores, produtores e creativos audiovisuais. Fundadores da produtora Esferobite, dirixiron a súa  actividade cara ao videoclip, videocreación, multimedia, instalación e vídeo en directo, recibindo diversos premios e mencións de carácter nacional e internacional.

Realizaron videoclips entre outros para Fangoria, Astrud, La buena vida, Catty Claret, Alma-X e outros grupos musicais do panorama estatal. E produciron  pezas de videocreación, entre outros para a Muestra INJUVE, Centro Galego de Arte contemporáneo, Fundación Luis Seoane, Museo do Mar de Galicia, Hangar, etc.

Os seus traballos foron expostos no Centre Pompidou-Metz, CGAC, La Capella, Fundación Luis Seoane, entre outras institucións. Posúen pezas na colección do CGAC, Artium-Injuve, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, ou a Colección Deputación de A Coruña.

Desde o 2002 imparten clases e talleres audiovisuais en diferentes centros de Barcelona e Galicia.

 

Ir al formulario de inscripción

Detalles

Data

Dende o 04/08/2017 ata o 18/08/2017 Sesións presenciais de 10h a 14h algúsn días da semana.

Contacto

ola@corunadixital.gal

Etiquetas

Categorías

  • INSPÍRATE, EXPERIMENTA

Lugar

Centro Cívico Cidade Vella

Rúa Veeduría, 2
15001 A Coruña

http://bit.ly/2bS2P5b

Empece a escribir e pulse Enter para buscar