Hackathiño de datos abertos: mobilidade sostible

Por segundo ano volve o hackathiño que organizan os colectivos de programadores GPUL, Árticos e GDG para fedellar cos datos abertos da cidade. Neste caso o tema proposto é a mobilidade sostible: como aproveitar os datos que xera a cidade da Coruña para lograr que a xente deixe o coche na casa e vexa a necesidade de moverse dun xeito máis sustentable.

Entre as posibles ideas a abordar neste hackathiño -que, como din os organizadores, «é un hackathón pero máis noso» -están a análise dos datos de uso de Bicicoruña para pedirlle ao concello máis bicis nun punto concreto, ouu a visualización do tráfico da Coruña en tempo real, ou mesmo unha app para que os visitantes poidan coñecer a cidade sen coller o coche. Pero hai cabida para moitas posibilidades máis. Se tes unha idea, ou queres contar unha historia con datos abertos, di o GPUL, «apúntate e faremos un equipo para traballar en ela, entre todos imos mellorar cómo nos movemos pola cidade e quen sabe, igual ata pode sair algunha startup de aquí.  😉 »

A cita é no Centro Ágora o 7 de outubro, desde as 9 da mañá ata as 8:30 da tarde. Comezarase por presentar ideas e formar equipos para que traballen nelas, e ao final da xornada de traballo intensivo os distintos equipos presentarán os prototipos realizados. O obxectivo é sacar adiante ata 8 proxectos xuntando a medio cento de hackers que non teñen por qué vir todos da programación: xornalistas, deseñadores, desenvolvedoras e creadores de contido son benvidos para crear equipos multidisciplinares que levan acabo cada proxecto. Haberá premio para os dous mellores equipos.

A inscrición xa está aberta na web do hackathiño, na que tamén podes ver información máis detallada, coñecer proxectos inspiradores ou ir mirando as fontes de datos abertos que ofrece o Concello da Coruña a través da smart city e outros organismos oficiais. O propio Concello colabora con esta actividade a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab da área de Participación e Innovación Democrática e conta tamén co apoio do programa Coruña Dixital.

Detalles

Data

O día 07/10/2017 De 9h a 20:30h.

Contacto

https://hackathino.gpul.org/ info@gpul.org

Lugar

Centro Ágora

R/ Lugar da Gramela, 17
15010 A Coruña

981 189 888 http://www.coruna.es/agora agora@coruna.es