O pasado 9 de marzo comezou no centro Ágora unha nova edición de Coruña Hacks, o hackathon organizado por GPUL, Coruña Developers e Árticos co apoio do Concello da Coruña, a través de Coruña Dixital e a Área de Participación e Innovación Democrática. Coruña Hacks desenvólvese en tres sesións intensivas (o segundo sábado de cada mes) nas que se levan a cabo en equipo proxectos de interese colectivo baseados nas tecnoloxías libres.

Nesta primeira sesión formáronse os primeiros grupos de traballo e algunhas das propostas que se desenvolverán:

  • Creación dunha plataforma web común para todas as comunidades tecnolóxicas da Coruña, partindo das ferramentas desenvolvidas pola iniciativa veciña de VigoTech.
  • OpenSmartFitness, unha plataforma libre e aberta para controlar de xeito privado a información xerada por dispositivos  que monitoricen a nosa actividade física. O proxecto inclúe o deseño de sensores e as súas implementacións, ademais dunha aplicación para almacenar, mostrar e xestionar a información recollida.
  • subastasAEAT é un proxecto para explorar a utilización de datos abertos a través dunha app baseada na tecnoloxía React Native, neste caso monitorizando as poxas publicadas pola Axencia Tributaria.

 

Coruña Hacks é unha proposta aberta a todas as persoas con ganas de experimentar coa tecnoloxía. Os perfís máis habituais son aqueles que teñen que ver co desenvolvemento de proxectos de software, pero tamén persoas relacionadas co hardware libre e o mundo maker ou deseñador*s gráfic*s, entre outros.

Se non puideches participar na primeira sesión, non hai problema: sempre está a opción de incorporarse á segunda, que terá lugar o sábado 13 de abril. Tes aquí toda a información.

 

Coruña Minihacks aposta pola sostibilidade e os hábitos saudables

Sen dúbida, a gran revelación desta edición de Coruña Hacks é tamén a súa principal novidade: o formato Minihacks adaptado á rapazada de entre 8 e 16 anos. O grupo, formado por nenas e nenos a partes iguais, desenvolverá nas vindeiras dúas sesións tres proxectos noutros tantos equipos:

  • Sistema de votación no colexio para escoller a comida que lles apetece cun sistema de bloqueo no caso de excederse pedindo comida pouco saudable.
  • Minixogos para concienciar sobre a necesidade de reciclar.
  • Videoxogo de animación para “castigar” a esas persoas que teñen can e que non se fan cargo do que a súa mascota deixa nas beirarrúas e parques da cidade.

As persoas que participan en Coruña Minihacks reúnense os mesmos días que Coruña Hacks, e tamén no centro Ágora, pero en sesións de menor duración. Tamén neste caso é posible incorporarse aos grupos. Aquí está a información.

 

Grandes e pequenos pecharán as súas respectivas edicións o sábado 11 de maio, cunha gala na que os mellores proxectos terán premio e na que todo parece indicar que o xurado non o terá nada doado 😉

Entradas recentes