Un collage a partir de retratos dun personaxe e recortes de revistas, unha selección de gifs pensados para a mente doutra persoa, unha colección de stories de Instagram… estes e outros formatos son os que puidemos explorar o pasado sábado no taller de Narrativas Populares Contemporáneas que impartiron Lucas Tello e Pedro Jiménez, do colectivo ZEMOS98 de Sevilla.

Diante dun grupo de 20 participantes, os de ZEMOS98 explicaron o punto de partida do taller, que está na concepción da cultura mediática a partir da remestura e o hackeo das narrativas mainstream. Puxeron exmplos como o do cristo de Borja e a versión que fixo Cecilia Jiménez tratando de restauralo, ou o caso da Macarena, a canción popularizada por Los del Río que arrasou en todo o planeta coa versión electrónica feita por Fangoria, e que está basada realmente nunha canción popular (‘Trabajando en las minas del pan duro’) que á súa vez é unha adaptación dunha marcha militar estadounidense (Semper Fidelis) pertencente ao dominio público. Tedes a historia completa na web do 13 festival ZEMOS98, que en 2011, a partir da investigación sobre as orixes da canción, editou un volume con 7 versións da Macarena feitas por artistas contemporáneos.

A continuación, e despois de moitos exemplos máis desta cultura do hackeo e da remestura, abordaron os tipos de narrativas populares que teñen que ver coa memética e a viralidade, como os memes dixitais e os gifs animados. Lucas Tello elaborou unha tipoloxía destes gifs, unidades mínimas de vídeo que se reproducen en bucle e que se usan con función comunicativa, para expresar emocións de maneira humorística apropiándonos de fragmentos de vídeos domésticos, películas ou programa de televisión.

É importante, tal como explicaron, que os memes funcionan dentro dun contexto cultural común, a xeito de chiste privado entre quen comparte referentes, por iso nos sería difícil desde aquí entender memes que se producen en África, por exemplo, por carecer do mesmo contexto cultural. A partir desta idea a primeira das actividades propostas aos participantes foi elixir un personaxe coñecido por todos para apropiarnos da súa personalidade e “ser o seu community manager por un día”. Por grupos fóronse creando varios personaxes, dende Amancio Ortega ata María Pita, e dende as súas características, definida polos propios grupos, construíronse as narrativas ao longo do día.

A primeira forma de facelo foi a través de memes analóxicos, recortando frases e fotos de revistas e xornais para adxudicarllos ao personaxe e con iso facer un pequeno mural no que María Pita, por exemplo, collía personalidade como it-girl feminista. Logo tiveron que escribir chíos de Twitter usando gifs e hashtags que completasen o retrato dixital destas persoas, e a continuación elaborar unha serie de historias de Instagram que lle desen máis corpo audiovisual a estes personaxes.

En resumo, unha completa xornada xogando a deconstruír personaxes, significantes e significados, traballando coas mans e non só con dispositivos dixitais para ententer a mecánica das novas narrativas populares máis alá da tecnoloxía, pero aprendendo tamén a usar mellor as distintas ferramentas que nos permiten interpretar a realidade cada día en forma de stories, memes, gifs e o próximo que veña.

 

 

 

Entradas recomendadas

Empece a escribir e pulse Enter para buscar