Este venres 4 de agosto comeza o #NoroesteVideocamp, o obradoiro gratuíto de vídeo para internet sobre o Festival Noroeste Estrella Galicia, con todas as prazas cubertas. Unha vintena de persoas de diferentes idades a partir de 16 anos formarán parte de varios equipos de gravación que asaltarán as rúas da Coruña e os escenarios do Noroeste para captar a esencia do festival e contar as historias de como viven as bandas, o público e a veciñanza esta singular cita musical na cidade.

Juan Lesta e Belén Montero de Esferobite-DSK, cunha longa traxectoria no mundo do videoclip e o audiovisual experimental e transmedia, son os instrutores neste taller orientado a traballar en equipo para guionizar, gravar e editar material audiovisual coas cámaras e ferramentas que temos a man e darlle un acabado chulo para despois movelo nas redes sociais.

As sesións presenciais serán no Centro Cívico Cidade Vella, pero durante os días do festival os nosos 20 intrépidos participantes andarán a gravar polas rúas da cidade, e terán uns días para rematar de editar os seus traballos antes do venres 18 de agosto, no que haberá unha proxección pública das pezas audiovisuais, á tardiña nun lugar por determinar. Seguide nas redes o hashtag #NoroesteVideocamp para sabelo e coñecer como avanzan os traballos nesta experiencia compartida para vivir o festival Noroeste doutra maneira.

 

 

Entradas recomendadas