O próximo sábado 17 de novembro terá lugar no centro Ágora o segundo dos tres hackatóns programados nesta nova edición de Coruña Hacks, que comezou o pasado 6 de outubro coa presentación de ideas e a formación de equipos de traballo.

Eran doce as propostas iniciais, pero, tralas votacións d*s participantes, concretáronse en catro:

  • Desenvolver un sistema de votacións orientado a grupos, que sexa libre e fácil de utilizar
  • Contribuír a un proxecto de software e hardware libres de medición da calidade do aire
  • Desenvolver unha aplicación (“E ti, de quen vés sendo?”) para facilitar e gamificar a integración de novas persoas empregadas na empresa
  • Contribuír ao proxecto de software libre Matrix, e en concreto a mellorar a súa integración con Slack

 

En todas elas, as tecnoloxías libres pretenden ser a ferramenta para resolver problemas e necesidades reais, seguindo a filosofía de Coruña Hacks. Na reunión deste mes de novembro avanzarase no desenvolvemento das catro iniciativas coa vista posta no vindeiro 1 de decembro, cando se celebrará o derradeiro hackatón desta edición, no que se presentará o resultado final dos proxectos e haberá unha entrega de premios.

 

Quen participa en Coruña Hacks?

Coruña Hacks é unha iniciativa dos colectivos GPULCoruña DevelopersÁrticos e GDG Coruña. Conta co apoio do Concello da Coruña, a través da Área de Participación e Innovación Democrática e de Coruña Dixital, que ten entre os seus obxectivos conectar persoas e comunidades interesadas na cultura dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en marcha de proxectos innovadores, sustentábeis e con capacidade transformadora.

As persoas interesadas en participar, e que non puideron acudir á primeira sesión, deben saber que poden sumarse á próxima do 17 de novembro e integrarse no equipo de traballo do proxecto que máis lles interese. Os perfís máis habituais en Coruña Hacks son aqueles que teñen que ver co desenvolvemento de proxectos de software, como programadora informática ou profesionais da área de sistemas e devops.  O programa tamén é interesante para persoas relacionadas co hardware libre e o mundo maker e pode ser unha boa experiencia tamén para deseñador*s gráfic*s e persoas que se adiquen á experiecia de usuario ou maquetación con interese no software libre.

Como é habitual, Coruña Hacks ten un Meetup habilitado ao que podedes acceder desde aquí e e un Slack do que vos deixamos aquí o acceso.

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar