O programa Coruña Dixital, impulsado pola Concellaría de Culturas, Deporte e Coñecemento, regresa este ano cun foco posto no talento audiovisual, poñendo en marcha o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC), que busca crear un espazo de encontro, colaboración e aprendizaxe para persoas e colectivos interesados na cultura audiovisual contemporánea, os novos medios e a transformación dixital.

Así  o presentou hoxe na Coruña o concelleiro, José Manuel Sande, que explicou que este programa «naceu como unha necesidade real na nosa cidade, como é a posibilidade de abrir un camiño no que se poden entrelazar numerosos colectivos vinculados ás novas tecnoloxías e á creatividade, que coinciden en liñas de investigación, e que non sempre se atopan. Coruña Dixital é esa ferramenta que pode non só visibilizar e poñer en valor o seu traballo, senón favorecer esa necesaria colaboración entre as e os axentes locais e de Galicia que desenvolven a súa actividade no eido cultural e tecnolóxico».

«A Coruña é unha cidade pioneira no cinema e nas artes da imaxe. Por iso, este Goberno quere potenciar o talento que hai no municipio para convertelo nun polo estratéxico de innovación, creatividade e boas prácticas, que xeren novas oportunidades profesionais e modelos de traballo sustentable nun sector en pleno cambio de paradigma marcado pola dixitalización e democratización dos medios», aseverou Sande no acto de presentación, que tivo lugar esa mañá no Aquarium Finisterrae e que contou coa asistencia de diversos axentes e colectivos que traballar arredor das prácticas de cultura dixital, así como de Sergio Lago, coordinador do programa, e de María Yáñez, responsable do LAIC. «O Laboratorio nace con vocación de potenciar e dar a coñecer as novas linguaxes audiovisuais e favorecer a creación entre a veciñanza, así como de tecer alianzas con centros de ensino, a Universidade, empresas de produción audiovisual e comunicación dixital, institucións e colectivos profesionais e outras entidades cidadás que compartan obxectivos similares», salientou Yáñez.

As actividades que ten previsto desenvolver o LAIC abordarán as novas linguaxes audiovisuais, desde as micro-narrativas populares ata o documental interactivo ou a realidade virtual e aumentada. Tamén se prestará atención aos novos modelos de distribución e produción: desde como se profesionalizan os contidos en Youtube ata as posibilidades do cinema ‘crowd’ e das comunidades online como impulsoras de proxectos audiovisuais. Neste sentido, abriranse espazos para o debate e a proposta de boas prácticas, «que xeren non só retorno económico para as creadoras e os creadores, senón tamén retorno cultural e de ben común para a cidadanía», expuxo a responsable da iniciativa.

A programación do LAIC, que se presentará de xeito completo á volta do verán, apostará por tender pontes entre a creación audiovisual e os videoxogos, a literatura e as narracións transmedia, e tamén entre os profesionais do audiovisual e outras industrias que cada vez máis están a incorporar o vídeo para as súas accións de promoción e venda. Así mesmo, faranse obradoiros con distintos colectivos cidadáns para buscar novas maneiras de documentar e narrar a memoria viva da Coruña usando os medios dixitais.

Encontro Coruña Dixital

No outono, tal e como avanzou Sergio Lago, tamén terá lugar o II Encontro Coruña Dixital, que este ano buscará achegarse aos espazos socioculturais de proximidade da cidade a través dunha xornada de charlas inspiradoras e obradoiros que permitan achegar metodoloxías e estratexias sobre o uso das novas tecnoloxías e dos contidos dixitais nestes contextos. «Nas actividades do ano pasado de Coruña Dixital comprobamos a asistencia e participación de numerosas persoas do ámbito bibliotecario, docente e sociocultural, que empregaban novas prácticas culturais para acadar diversos obxectivos nos seus lugares de traballo, polo que nos pareceu moi interesante, de cara a este segundo encontro, trasladar e abrir á cidadanía as metodoloxías que se empregan no ámbito dixital e que, efectivamente, pode poñerse en práctica noutro tipo de espazos», explicou.

O coordinador do programa tamén sinalou que nesta edición Coruña Dixital seguirá colaborando con distintas comunidades, como o movemento maker da cidade, representado no colectivo Bricolabs -que se reúne na Sala Maker da Domus-, ou o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux formado na Universidade da Coruña, para promover iniciativas de código e datos abertos, co obxectivo de potenciar as aplicacións sociais e culturais destas prácticas e ferramentas e abrilas ao resto da cidadanía.

Na web de Coruña Dixital pódese facer seguimento de todas estas iniciativas que xa están a traballar na cidade, así como contactar, subscribirse ao boletín de noticias ou seguir a actualidade do programa través dos seus perfís en Facebook e en Twitter.

Entradas recomendadas

Empece a escribir e pulse Enter para buscar