Unha das liñas de traballo de Coruña Dixital é o apoio aos colectivos que desenvolven actividades e propostas relacionadas coa cultura dixital, entre outras cousas difundido as súas convocatorias na nosa axenda. Nela podes ver agora clasificadas dunha maneira sinxela todas estas propostas, tanto as de iniciación na tecnoloxía, as dirixidas a público máis xeral, como as ACTIVIDADES TÉCNICAS, que son aquelas que implican un coñecemento tecnolóxico máis específico.

Algunhas destas actividades xa teñen data no calendario deste mes de xaneiro, como é o caso de Developers Vago: mastering git, do colectivo CORUÑA JUG, que se celebrará o 24 de xaneiro (19h) no centro Ágora. Será unha sesión onde se explicarán os conceptos claves arredor da control de versións con git, dende o principio, para ir avanzando a temas máis complexos e boas prácticas.

Por outra banda, unha gran nova para o ecosistema tecnolóxico da cidade é a xuntanza entre colectivos ORGANIZADORES DE EVENTOS TIC da Coruña que terá lugar o 30 de xaneiro (20h). Para participar, podedes contactar con nós e anotarvos neste Doodle. A cita, que tamén apoiamos, celebrarase no centro Ágora e servirá para poñer en común as necesidades e retos das iniciativas de promoción de tecnoloxía na cidade, coordinar datas ou explorar vías de colaboración entre entidades da cidade, pero tamén do conxunto de Galicia.

Outros exemplos de convocatorias de carácter técnico sitúanse xa no mes de marzo. Concretamente entre o 4 e o 10 deste mes a cidade acolle a International Users Conference de QGIS, o evento referencial para todas aquelas persoas que traballan neste sistema de información xeográfica de código aberto. Conta coa colaboración do Concello da Coruña, a través da área de Participación e Innovación Democrática, dirixida por Claudia Delso.

A todo isto, ademais, hai que sumarlle que pronto teremos noticias dunha nova edición de CORUÑA HACKS, a proposta de coñecemento aberto e desenvolvemento de proxectos dixitais que poñen en marcha os coletivos GPUL, Coruña Developers e Árticos.

Como ves, son moitas as comunidades que traballan na cidade, de maneira activa, organizando propostas. En Coruña Dixital estamos encantados de poder apoialas e non queremos deixar pasar a ocasión de lembrache que se ti tes un proxecto ou formas parte dun colectivo e queres contar con nós, podes facelo desde aquí. A próxima convocatoria pode ser a túa! 😉

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar