Son varios os ámbitos profesionais nos que a igualdade está aínda lonxe de der unha realidade e o tecnolóxico é un deles. Na cidade, varios colectivos e iniciativas traballan precisamente en avanzar cara ese obxectivo de maneira activa. Unha delas, a cuarta edición de Informática para Tod@s. Un evento -no que haberá charlas, sesións de pósters, paneis de discusión e feira de emprego- aberto a todas as persoas, pero cun obxectivo claro:  promover o papel das mulleres no eido da tecnoloxía.

Coruña Dixital apoia esta proposta, que se celebrará a finais de marzo na facultade de Informática da Universidade da Coruña e que está orientada a xente do mundo empresarial e das universidades, así como estudantes e centros de investigación, entre outros espazos. As entradas, que son gratuítas, están xa dispoñibles na súa web, á que podes acceder desde aquí.

Pero esta non é a única proposta relacionada coa Universidade e coa facultade de Informática que traballa a prol da igualdade: Hello Sisters! é unha iniciativa que trata de fomentar a presenza activa e real de mulleres e persoas non binarias no eido das TIC, apoiando, entre outras cousas, a súa participación en eventos técnicos para potenciar a súa visibilidade mediante a exposición dos seus propios proxectos. O grupo está formado por profesoras, investigadoras e representantes do ámbito empresarial e alumnas de Enxeñería Informática.

Tamén hai entidades fóra de ámbito universitario, como é o caso de GalsTech, un grupo orientado ás mulleres, traballadoras en activo ou con interese no ámbito tecnolóxico, en toda Galicia. Os seus obxectivos, ademais de tecer rede e proporcionar referentes, son recoñecer os problemas das mulleres no eido da tecnoloxía, e aportar solucións, e traballar na formación. Relacionada con este último obxectivo, a cidade acolle o vindeiro 22 de febreiro unha xornada organizada polo colectivo e adicada a Security by Design, unha actividade técnica da que vos damos toda a información aquí.

Son algunhas das entidades e propostas que coñecemos e apoiamos, pero é posible que haxa máis. Se no teu colectivo tamén estades preocupad@s pola fenda xénero no ámbito das TIC, desenvolvedes propostas para erradicala e, ademais, queredes compartir a vosa labor, non dubidedes en contactar con nós!

 

 

Entradas recentes