O grupo de narrativas populares contemporáneas, o primeiro en poñerse en marcha nesta edición do #LAIC, traballa desde xaneiro na experimentación en torno ás novas linguaxes e recursos comunicativos xurdidos no ámbito dixital. Despois dunha primeira sesión panorámica, en torno a que son exactamente iso que se chama narrativas populares contemporáneas, o equipo que coordina María Yáñez, traballou sobre outros aspectos, como os novos xéneros audiovisuais na Rede ou as claves da videocreación e animación en Internet.

Para isto último, o grupo contou coa colaboración de dous referentes neste ámbito, como son Christian Flores e Anabel Lorente. Ela vén de facerse un oco no eido da animación na Rede grazas ás súas True Story, nas que narra, cun estilo propio, situacións persoais relacionadas coa súa condición de muller, coas que milleiros de usuarias das redes resultaron sentirse, desde a súa primeira publicación, especialmente identificadas. A Christian, cunha ampla traxectoria como videocreador, o boom da viralidade chegoulle co vídeo Velaske, yo soy guapa? que fixo para Playground, tralo que seguiu desenvolvendo, exitosamente, a súa faceta creativa.

Pero, ademais de compartir tempo e experiencia co grupo de narrativas populares, Christian e Anabel ofreceron unha charla aberta ao público na que repasaron as súas traxectorias e explicaron a súa visión da creatividade e das ferramentas dixitais para desenvolvela.

 

 

Foi unha conversa realmente amena e construtiva, na que Christian e Anabel relativizaron o valor do viral en favor do impulso creativo e na que soubemos das súas inquedanzas, dúbidas e certezas como creadores e tamén dos seus referentes e as súas fontes de inspiración.

Tras este encontro, sen dúbida motivador, o grupo de narrativas populares segue a afondar nas novas maneiras de comunicar e a experimentar con elas.

 

Entradas recentes