Coruña Dixital é un programa promovido pola área de Culturas e Coñecemento do Concello da Coruña, co fin de expandir na cidade as novas prácticas culturais e creativas xurdidas desde as redes dixitais.

Outro dos obxectivos é mostrar a utilidade e potencial destas novas prácticas e ferramentas para o tecido asociativo, social e cultural da nosa cidade, incluso para quen non ten de inicio grandes coñecementos técnicos ou informáticos. Neste sentido queremos recomendar algunhas citas dentro do programa deste outono:

.

Actividades, cursos e obradoiros de interese para colectivos sociais e culturais

A fin de semana do 22 e 23 de outubro celébrase en Normal (Paseo de Ronda, 47) o Hackathiño de Datos Abertos.

Esta actividade contará durante o sábado cunhas charlas introdutorias de 10:00 a 11:30, abertas e de acceso libre e gratuíto, coas que poder descubrir como abrir determinada información da nosa entidade ou axudar a xerar fontes de datos colaborativas permite que aparezan ferramentas de gran utilidade social.

Os datos abertos están detrás de aplicacións tan útiles como aquela primeira app de móbil coa que sabíamos cando chegaban os autobuses da nosa cidade. Esta aplicación foi deseñada de xeito desinteresado por un programador coruñés e ferramentas similares son as que buscarán crear os/as programadore/as que participarán nesta actividade durante a fin de semana.

Os datos abertos tamén nos poden servir para facer seguimento da situación medioambiental dun lugar, facilitar a adopción de animais de compañía, mellorar a mobilidade cidadá, compartir as necesidades urxentes dun banco de recursos ou alimentos ou convertir información pesada, como datos de orzamentos institucionais, en gráficos sinxelos de visibilizar. As posibilidades son moi amplas e practicamente calquera entidade ou causa social pode empregar datos abertos para os seus fins.

Ademais das charlas, tamén podedes pasarvos durante a fin de semana para saber como poderiades abrir datos que queirades compartir ou achegar ideas sobre as que traballar.

Toda a información en: http://corunadixital.gal/evento/hackathino-de-datos-abertos/

.


eventos_imaxes15

O vindeiro xoves 27 de outubro, no CGAI (Durán Loriga, 10) celebramos a xornada Arquivos Audiovisuais Abertos.

Neste caso buscamos mostrar como se pode compartir, visibilizar e poñer en valor os arquivos audiovisuais, tamén fotográficos, das nosas entidades ou do noso barrio.

Farémolo a través dunhas charlas de mañá onde coñeceremos boas prácticas galegas e internacionais. Xa pola tarde teremos un obradoiro práctico para levar á rede os nosos arquivos.

Toda a información e inscricións en: http://corunadixital.gal/evento/xornada-arquivos-audiovisuais-abertos/

.


Tamén a vindeira semana, xa o sábado 29 de outubro no Centro Cívico Cidade Vella (Rúa Veeduría, 2), contaremos cun obradoiro moi práctico sobre Ferramentas dixitais para o traballo en rede que poden facilitarnos a organización do traballo e a comunicación interna en colectivos e asociacións.

Toda a información e inscricións en: http://corunadixital.gal/evento/ferramentas-dixitais-para-o-traballo-en-rede/

.


No mesmo Centro Cívico Cidade Vella (Rúa Veeduría, 2), pero xa durante todos os sábados de novembro (5, 12, 19, 26) desenvolverase un curso sobre Vídeo Participativo.

Trátase de obradoiros intensivos para responsables de comunicación ou persoas con interese polas posibilidades dos novos formatos audiovisuais, para contar as historias do seu colectivo ou barrio, visibilizar unha problemática ou sensibilizar nunha causa.

Toda a información e inscricións en: http://corunadixital.gal/evento/video-participativo-outras-corunas/

.


E finalmente, o Ateneo Atlántico de Prototipado mostrará as posibilidades de colaboración entre comunidades tecnolóxicas e colectivos de barrio, con varios proxectos piloto que poderemos coñecer nun evento aberto na Domus (Ángel Rebollo, 91) do 17 ao 20 de novembro.

Toda a información e convocatoria aberta de proxectos en: http://corunadixital.gal/evento/ateneo-atlantico-de-prototipado/

Entradas recomendadas