Logo da súa premiere mundial no festival Carballo Interplay, cuxos premios á produción de webseries en galego foron a orixe do proxecto, a webserie Peter Brandon estreouse na Coruña o pasado 6 de xullo, nun Teatro Rosalía de Castro ateigado. O colectivo audiovisual Porco Bravú, que naceu na Facultade de Comunicación Audiovisual da UDC en 2013, reunía así na súa cidade a amigos, achegados e público atraído polos novos formatos audiovisuais, ansiosos por ver en pantalla grande unha serie que, en principio, non se emitirá pola televisión senón que irá directamente a plataformas dixitais como Youtube.

O acto comezou cun monólogo de Pedro Brandariz, o actor protagonista e verdadeiro alter ego de Peter Brandon, e contou coa actuación musical de Rubén Lino, de Poetarras, autor da canción orixinal da serie, que interpretou diante de todo os asistentes. Logo de case 90 minutos de proxección dos tres episodios iniciais, houbo un coloquio no que participaron Jorge Boquete, director de Peter Brandon, canda o seu guionista, Óscar Cruz, acompañados de Brandariz e tamén de Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay.

Polo photocall do Rosalía tamén se deixaron ver membros do equipo e colaboradores que aparecen en Peter Brandon, como a actriz María Tasende ou Xosé Antonio Touriñán. O Concello da Coruña colaborou na estrea facilitando o uso do Teatro Rosalía a través da programación de Coruña Dixital. Agardamos que siga habendo producións innovadoras na cidade que poidan chegar ao gran público en eventos coma este. Moita sorte e longa vida a Peter Brandon, que continúa a súa xira de preestreas polo país antes do seu desembarco na rede, previsto para despois do verán.

Deixámosvos co seu trailer:

Entradas recomendadas