Vivimos nun mundo tecnolóxico, no que as ferramentas dixitais modifican sistemas de produción, mercado laboral e hábitos sociais. Unhas veces de forma claramente positiva e outras non tanto. Pero se algo ten de bo todo o que a tecnoloxía pon ao noso alcance é que podemos chegar a coñecementos e posibilidades que ata hai relativamente pouco tempo non eran accesibles: agora podemos aprender e podemos facer.

Por iso, o ámbito dixital xoga un papel cada vez máis importante en iniciativas de perfil social e, na cidade, temos un par de exemplos que queremos destacar. Por unha banda, o 11 de abril a oenegué Médicos sen Fronteiras convoca un mapatón humanitario. Desenvólvese de maneira simultánea en varias cidades e en colaboración con varias entidades. No caso da Coruña, a actividade celebrarase na aula de informática da ETS de Camiños, Canais e Portos coa colaboración de Cartolab e a Universidade da Coruña.

O obxectivo desta actividade, para a que non é preciso ter coñecementos técnicos -máis alá de manexo básico de ordenadores e Internet- é mapear áreas do planeta que neste momento están sen cartografiar e das que é preciso ter mapas para poder acceder a elas  en caso de crise humanitaria.

Tedes máis información na nosa axenda, á que podedes acceder desde aquí.

 

Loitando contra o odio da Rede desde A Coruña

O outro exemplo de tecnoloxía como ferramenta para un mundo mellor é o traballo que desenvolve a coruñesa Ciberespect. Esta entidade, que nace da oenegué local Ecos do Sur, adica os seus esforzos a loitar contra o discurso xenófobo, e de odio, nas redes sociais.

Faino desde a educación, desenvolvendo obradoiros escolares nos que fan consciente á mocidade dos bulos racistas aos que está exposta e, sobre todo, proporcionándolle coñecementos e ferramentas para valorar dun xeito obxectivo a súa veracidade. Pero tamén o fai desde o ciber-activismo, difundindo datos e argumentos nas propias redes para desmontar o discurso do odio e, sobre todo, as fake e bulos sobre os que se sostén.

Ciberespect, que ofrece formación máis alá do ámbito escolar e desenvolve investigacións sobre estas dinámicas, colabora con outras entidades que traballan neste mesmo ámbito fóra de Galicia. A mellor maneira de estar ao tanto de moitas das actividades e ferramentas que el*s ou outras entidades desenvolven contra o odio nas redes é seguilos, precisamente, na Rede. Aquí tedes os seus perfís de Twitter e Facebook.

 

Se coñecedes máis entidades da cidade ou da súa contorna que traballen coa tecnoloxía no ámbito social, ou se desenvolvedes un proxecto neste ámbito, podedes compartilo con nós desde aquí . Estaremos encantados de difundilo e axudar a que medre a rede de tecnoloxía solidaria!

 

Entradas recentes