A programación do LAIC, que durante os meses de outubro e novembro explorou as novas prácticas de creación, distribución e promoción audiovisual en internet, incluiu un laboratorio transmedia que, co título “A Coruña rebelde”, quixo experimentar en torno aos arquivos multimedia da cidade, a idea de repositorio aberto e as posibilidades de tecnoloxías emerxentes como a realidade aumentada para darlle unha nova vida e uso a estes arquivos.

Para isto realizáronse dúas actividades en fins de semana consecutivos, o arquivatón e o hackatón. No arquivatón, celebrado o 27 e 28 de outubro, coincidindo co Día mundial do patrimonio audiovisual, fíxose un traballo de recompilación de arquivos multimedia relacionados de forma máis ou menos directa coa idea de “A Coruña rebelde”, co obxectivo de crear un repositorio aberto en The Internet Archive con este título. The Internet Archive é unha plataforma que se define como unha “biblioteca dixital” que garda en formatos abertos sitios web, imaxes, libros, películas, fotografías e calquera contido que os usuarios queiran subir á súa web. Constitúe un exemplo de boas prácticas na dixitalización e conservación de materiais culturais e promover o coñecemento aberto en todo o mundo.

A colección “A Coruña rebelde” está aínda en proceso de construción, e por agora conta cunha trintena de pezas audiovisuais, gráficas e fotografías, algunhas con varios séculos de antigüidade, outras parte da memoria recente dos movementos sociais na cidade. As fontes varían desde arquivos institucionais como o Arquivo do Reino de Galicia ou o Centro Galego das Artes da Imaxe, ata arquivos persoais ou imaxes xa publicadas con licenzas abertas en plataformas como Youtube ou Vimeo.

Destacan algunhas xoias cedidas polos seus autores como o documental “Rock, rock, rock” de Xavier Villaverde, que recolle o primeiro festival de rock da Coruña, celebrado no pavillón de deportes de Riazor no 1980, e onde concursaban varios grupos galegos, entre eles Siniestro Total, no que foi o seu primeiro concerto. Resultaron descalificados. Ou a curtametraxe “Apatruyando la ciudad”, un musical realizado no 1995 por Juan Lesta e Sergio Pereira cando eran estudantes da Escola de Imaxe e Son.

 

Estes dous son exemplos da contracultura na cidade, pero tamén hai manifestacións, desde a reclamación do Estatuto de Autonomía para Galicia no 1979 ata as acampadas do 15-M. E ademais, imaxes históricas moi coñecidas como a dunha manifestación de parados en María Pita nos anos 20, un gravado da batalla de Elviña, a foto do casamento de Marcela e Elisa en 1901, e distintas imaxes de principios do século XX con obreiros, feirantes e outras traballadoras e traballadores na cidade. Cómpre destacar que na colección tamén se inclúen diversas imaxes estereoscópicas, moi de moda naquela época, que non están relacionadas tan directamente con “A Coruña rebelde” pero serven para ilustrar distintas épocas da cidade e poden dar xogo á hora de traballar con novas tecnoloxías como a realidade virtual e o 3D. Estas imaxes proceden do Arquivo do Reino de Galicia.

 

Mulleres empedrando a calzada nos Xardíns de Méndez Núñez. Arquivo do Reino de Galicia.

Fedellando coas imaxes aumentadas: xeolocalización, animación, gamificación.

A partir deste material levouse a cabo a segunda parte deste laboratorio transmedia, que foi o hackatón de realidade aumentada que se celebrou no Centro Ágora o 3 e 4 de novembro. Estivo facilitado por Toño Cabanelas, enxeñeiro audiovisual e sonoro, especialista en tecnoloxías inmersivas como a realidade virtual, aumentada e mixta. E tivo como mentor a Berto Yáñez no desenvolvemento de interactividade web. Máis de 20 persoas, moitas delas estudantes de informática, pero tamén profesionais da fotografía, das artes gráficas e da creación audiovisual, tomaron parte neste hackatón de a penas 12 horas, onde se crearon varios prototipos usando distintas tecnoloxías.

 

Para a realidade aumentada explorouse o uso de Vuforia, un software que se pode usar como extensión de Unity, unha das principais plataformas para crear videoxogos e animacións en 3D.  Esta ferramenta permite recoñecer unha imaxe a través da pantalla do móbil ou da tableta, e crear unha capa de información que a modifique ou engada contido a partir desta imaxe. Por exemplo, colorear a imaxe de Elisa e Marcela e facer que se reproduza ao enfocar a fotografía un vídeo da bandeira LGTB izaza no 2005 na coiraza do Orzán. Ou coller un fotograma de “Apatruyando la ciudad”  de xeito que cobre vida reproducindo unha das secuencias da curtametraxe,  ou animar o gravado de María Pita defendendo a cidade. Estes experimentos podedes probalos se descargades a app que se fixo no hackatón, Coruña AR, neste enlace. Con ela podedes probar a pasar o móbil por riba das imaxes que temos en Archive, e deixar que se produza a maxia.

 

Outra das demos que se fixo en tempo record no hackatón foi María Pita Go!, unha aplicación web interactiva moi similar ao famosísimo Pokémon Go! na que a mesmísma María Pita, deseñada como unha heroína anime, nos guía pola cidade a partir do mapa. Segundo avancemos camiñando polas rúas, irán aparecendo diversos puntos de interese e, clicando neles, poderemos ver os contidos multimedia relacionados con “A Coruña rebelde” que se recompilaron no arquivatón. Estes contidos están convenientemente xeolocalizados, segundo en qué lugar da cidade foron capturadas as imaxes. A medida que coa aplicación os imos visualizando, podemos gañar puntos en función do interese ou dificultade de atopar o material. Esta aplicación está na web e para probala só tedes que ir a estoutro enlace. Está optimizado para ver en móbiles (que é onde funciona a xeolocalización) e o código fonte podedes velo en GitHub.

Así, en a penas tres sesións de traballo intensivo distinta xente interesada nos arquivos e nas tecnoloxías de realidade aumentada puideron poñer en común ideas e desenvolver prototipos de distintas aplicacións destinadas a mostrar contido de formas coas que a xente poida non só mirar senón tamén interactuar, usando os dispositivos que teñen sempre na man, os teléfonos móbiles. Toda unha demostración do que se pode facer en contextos expositivos, de xogo, de intervención na cidade, e en espazos públicos como bibliotecas, arquivos e a propia rúa.

 

Entradas recentes