O Concello da Coruña vén de anunciar que traballa xa na folla de ruta para a migración de máis do 50% dos seus equipos a software libre. Unha medida que, unha vez materializada, suporía un aforro económico en licenzas e, ademais, segundo explicou a concelleira de Participación Cidadá, Claudia Delso , un “apoio ao ecosistema local que desenvolve o seu traballo neste sector e á creatividade e ética colaborativa que hai detrás”.

Antes de tomar esta decisión, a axencia galega de software libre, Agasol, fixo un traballo de diagnose no que valorou que na metade dos 996 equipos municipais esta migración podía desenvolverse de xeito inmediato, mentres que na metade restante faría falta un proceso a medio prazo. Ademais, segundo explicou o seu presidente Carlos Rodríguez, Agasol estimou o aforro anual para o Concello coa implantación do software libre en 276.460 euros, permitindo ademais o emprego de “ferramentas máis transparente e accesibles”.

O proceso anunciado pola concelleira comezará cunha fase piloto, pero este non será o primeiro paso que o goberno local dá cara a implantación das tecnoloxías libres. Lembremos que xa que antes desenvolveu, con cargo aos Orzamentos Participativos, un proxecto piloto de migración nos ordenadores de acceso público das Bibliotecas,  así como o desenvolvemento de A Porta Aberta e iniciativas vinculadas ao  Co-Lab, como, por exemplo, o repositorio aberto A Forxa.

 

Tres citas na cidade co software libre 

Pero, ao marxe desta iniciativa, hai máis propostas na axenda dixital da cidade relacionadas coa tecnoloxía aberta. A primeira delas, unha actividade de perfil técnico organizada pola asociación GQUIS España, coa colaboración do Concello e que terá lugar o 4 de marzo na Domus. Trátase dunha conferencia mundial de usuarios e desenvolvedores de GQUIS, un programa informático de código aberto de sistemas de información xeográfica.

A segunda das propostas comeza o 9 de marzo e desenvolverase no centro Ágora ata maio, o segundo sábado de cada mes de maneira intensiva. Falamos de Coruña Hacks, e tamén de Coruña Minihacks, a novidade desta edición. Ambas iniciativas desenvolverán por equipos proxectos con utilidade social baseados en código libre. As inscricións están abertas tanto en Coruña Hacks como en MiniHacks.

A terceira cita da axenda terá lugar a finais de abril. Trátase de Flisol, o festival latinoamericano de software libre que chega este ano a súa décimo quinta edición. A inscrición nos obradoiros gratuítos xa está aberta e tedes aquí toda a información.

Todo isto sen descartar novas propostas coa mesma filosofía das que vos iremos dando conta na nosa axenda dixital da cidade.

 

 

Entradas recentes